Tras doce anos de goberno, Benjamín Netanyahu deixou de ser primeiro ministro de Israel1. O Parlamento aprobou a formación dun novo goberno co conservador Naftali Bennett por 60 votos a favor e 59 en contra. Este cambio supón o final de dous anos de crise política con dúas eleccións para as que Netanyahu non puido obter o apoio suficiente para formar goberno e unha terceira que levou a un goberno errado de coalición. Un cambio de goberno que, con todo, non augura ningunha esperanza de mellora para a poboación palestina.
Para estas cuartas eleccións, construíuse unha ampla fronte dun dispar abano de partidos con ideoloxías desde a ultradereita ao centro-esquerda cuxo único fin común era a expulsión de Netanyahu do poder. A pesar de que os recentes bombardeos na franxa de Gaza, con máis de 200 vítimas mortais entre a poboación palestina, fixesen percibir ao antigo primeiro ministro como protector do Estado xudeu entre a poboación de Israel2, e a pesar de que este tentase sementar o medo tachando ao novo goberno de “extrema esquerda”, finalmente non puido evitar que o nacionalista de dereita Naftali Bennett xurase o cargo como primeiro ministro tras acordar compartir o poder co centrista Yair Lapid.
Unha simple ollada a esta coalición permite ver que non supoñerá un cambio substancial para a situación palestina. Á parte de que as súas diferenzas ideolóxicas augúranlle unha vida moi curta, dado que o seu único punto en común é o seu rexeitamento ao antigo primeiro ministro, pódese ver que unha parte considerable dos partidos implicados xa traballaron preto do mandatario noutras ocasións3, desde Lapid, ministro de finanzas en 2013, a Bennett, ministro da diáspora entre 2013 e 2019, e á fronte de defensa en 2020. Bennett, ademais, representa unha dereita dura e relixiosa que non dubida en mostrar o seu desprezo polos palestinos. Como exemplo, o novo goberno xa lanzou os primeiros ataques aéreos sobre a franxa de Gaza o pasado mércores 164.
Para que houbera un reflexo na situación do pobo palestino debería haber unha presión decidida a nivel internacional en contra da situación continuada de violación de dereitos, presión que por agora dista de ser esperable: o presidente estadounidense Biden reiterou o apoio da súa nación a Israel5 e na Unión Europea optaron por non tomar partido6, pedindo unha “desescalada inmediata” da tensión entre os estados e condenando tamén “a violencia palestina”. A única solución pasa por reverter esa morneza dos estados que abandonou á poboación palestina á súa sorte mediante a mobilización cidadá a nivel internacional.
1 https://www.bbc.com/mundo/noticias-internacional-57457914 2 https://www.business-standard.com/article/international/netanyahu-toughens-stand-as-tension-rises-between-israel-and-hamas-121052000176_1.html 3 https://www.elsaltodiario.com/israel/gobierno-sin-netanyahu-sin-cambio-poblacion-palestina 4 https://www.publico.es/internacional/conflicto-palestino-israeli-nuevo-gobierno-israel-lanza-primer-ataque-aereo-franja-gaza-alto-fuego.html 5 https://elpais.com/internacional/2021-05-12/las-dudas-de-ee-uu-impiden-una-resolucion-de-la-onu-sobre-el-conflicto-en-oriente-proximo.html 6 https://www.elperiodico.com/es/internacional/20210511/clamor-internacional-recrudecimiento-violencia-israel-11716451
Interésache: