VOLVEN AS DEVOLUCIÓNS DE ENVASES A ESPAÑA

with 1 comentario

O proxecto do Real Decreto de Envases e Residuos de Envases1 que prepara o goberno podería incluír un Sistema de Depósito, Devolución e Retorno ( SDDR), o que supón unha gran vitoria para unha das loitas históricas dos movementos ecoloxistas en España. O  SDDR é un modelo de xestión de residuos baseado en deixar en depósito uns céntimos cando se compra un produto con envase e que son recuperados ao devolver o envase baleiro. Un informe da empresa pública Tragsatec2 salienta que este modelo podería supoñer a diferenza entre chegar ou non aos obxectivos de recollida de residuos establecidos desde Europa.

Non todos están conformes con esta iniciativa. Entre os detractores desta posible futura medida atópase  Ecoembes, a empresa que xestiona os residuos de envases en España, ou  Ecovidrio, a súa equivalente dedicada á reciclaxe de vidro. Por outra banda, tamén habería resistencias dos comercios obrigados a ter máquinas para recoller os envases nas súas instalacións. Segundo os cálculos de Tragsatec, para poder desenvolver ben este sistema necesitaríanse entre 12.146 e 28.264 máquinas de recollida de envases nos comercios do país.

Con todo, existen boas perspectivas para esta emenda á lei de residuos. A emenda foi pactada no Congreso entre PSOE e Unidas Podemos3, e condicionouse ao caso de que España non fose capaz de cumprir os obxectivos de recollida separada de botellas de plástico no 2023 (o 70% de botellas recollidas) e 2027 (o 85%). O novo sistema estaría pensado para envases dun só uso de plástico e aluminio para auga, cervexa, bebidas refrescantes e zumes de menos de tres litros, e as empresas dispoñerían de dous anos para implementalo. O proxecto fixa un mínimo de 10 céntimos como depósito por envase.

As vantaxes deste novo sistema serían substanciosas, segundo o informe de Tragsatec:  evitaría que 2.193 toneladas de botellas e latas acaben na natureza cada ano (o equivalente a 122 camións de lixo) ou de 6.752 toneladas se se incluísen as botellas de vidro. O estudo advirte que co actual modelo de contedores amarelos “non se alcanzaría ningún dos obxectivos de recollida separada neta de botellas de bebida de plástico” e que “A introdución dun  SDDR non só aumentaría a cantidade recuperada de material, senón tamén a pureza da recolla e por tanto a calidade do recuperado”.

É por tanto, unha boa noticia para toda a poboación e para o futuro do planeta. Debemos seguir, con todo, presionando para lograr medidas cada vez máis ambiciosas. Vai a supervivencia niso.

1 https://www.miteco.gob.es/es/calidad-y-evaluacion-ambiental/participacion-publica/Residuos-2021-PRD-Envases-2021.aspx
2 https://www.miteco.gob.es/es/calidad-y-evaluacion-ambiental/participacion-publica/210929espana_sddr_ttecent_miterd_web_tcm30-531126.pdf
3 https://www.elsaltodiario.com/residuos/gobierno-enfrenta-ecoembes-apuesta-retorno-envases-sddr-pobres-cifras-reciclado

Interésache:

One Response

  1. […] VOLVEN AS DEVOLUCIÓNS DE ENVASES A ESPAÑA ASINA: MÁIS TRENS PARA VIAXAR MELLOR Manual para Campañas Non-Violentas Destacados, Difunde, Todos os Artigos Migraciones, Monográfico, UE […]