A canción “Bella Ciao” é un himno popular italiano de autoría anónima, transmitido durante anos a través da tradición oral nas rexións do norte de Italia. A súa orixe exacta é incerta, mais converteuse nun símbolo cultural da resistencia antifascista amplamente recoñecido a nivel internacional.
As primeiras raíces poden situarse na segunda metade do século XIX, vinculadas ás “mondine”, traballadoras dos arrozais do Val do Po. Estas mulleres empregaban cantos de protesta para denunciar as duras condicións laborais: xornadas extenuantes, salarios baixos e a perda de oportunidades vitais nos campos de cultivo.
Entre 1943 e 1945, no contexto da Resistencia italiana antifascista, a melodía foi adaptada e transformada nun canto de loita contra o fascismo e a ocupación nazi. Os partisanos que combatían o Estado Italiano de Mussolini empregárona como expresión simbólica da súa resistencia.
Na posguerra, a canción iniciou unha fase de difusión internacional progresiva, especialmente a través dos Festivais Mundiais da Xuventude celebrados en cidades como Berlín, Praga ou Viena a finais dos anos corenta. Xa nos anos sesenta, interpretacións de artistas como Giovanna Daffini ou Yves Montand contribuíron á súa popularización en Europa. Durante as protestas de 1968, “Bella Ciao” consolidouse como símbolo global de mobilización social e reivindicación política.
No século XXI espallouse por todo o planeta como himno de resistencia de innumerables protestas e movementos: dende as marchas contra Piñera pola desigualdade en Chile, ao campamento do parque Gezi na Turquía de Erdogan; do movemento Occupy Wall Street de 2011 aos caracois zapatistas en Chiapas; dos indignados en do estado español ao movemento feminista; das sentadas de Nuit debout en París ás iniciativas de Fridays for Future sobre o cambio climático; das combatentes kurdas no norte de Siria ás protestas da Revolución Tishreen de Iraq.
“Bella Ciao” representa un exemplo claro de como unha expresión musical de orixe popular pode transformarse nun símbolo universal contra a opresión e a inxustiza social, adaptándose a diferentes épocas e movementos históricos sen perder a súa esencia.