O filme “Diaz: Non limpedes este sangue” (2012), dirixido por Daniele Vicari, reconstrúe un episodio clave da memoria política recente europea: a represión policial durante o cumio do G8 en Xénova. Trátase dunha obra centrada na violencia institucional e na ocultación dos feitos ocorridos na Escola Armando Díaz.
O contexto histórico sitúase en xullo de 2001, durante a contracime do G8 en Xénova, cando milleiros de persoas mobilizáronse contra o modelo neoliberal global. O asalto á escola na noite do 21 ao 22 de xullo converteuse nun símbolo da brutalidade policial, con decenas de persoas feridas graves e unha vítima en coma, nun clima de forte tensión política e social no Estado Italiano e en Europa.
O filme narra de forma coral o que aconteceu no interior da Escola Díaz, onde durmían arredor de 90 activistas e xornalistas. Máis de 300 axentes policiais entraron no edificio nunha operación que derivou en golpes, detencións arbitrarias e destrución de probas, segundo recollen posteriormente diversas sentenzas xudiciais. A historia preséntase como unha reconstrución baseada en testemuños reais e documentos procesuais da considerada a maior violación de dereitos humanos dende a II Guerra Mundial nun país occidental.
A nivel narrativo, a obra emprega personaxes inspirados en persoas reais: xornalistas, activistas, avogadas e membros das forzas de seguridade. Esta estrutura coral e fragmentada permite mostrar distintas perspectivas do acontecemento, apoiada en miles de páxinas de sumarios e centos de horas de gravacións. O obxectivo é acadar unha representación o máis fiel posible dos feitos.
Na produción, o filme foi unha coprodución italo-franco-romanesa estreada no Festival de Berlín de 2012. O seu impacto político reforzouse nun contexto dominado pola primavera árabe, o movemento Occupy e o dxs “indignadxs”, xerando debate sobre os límites da represión policial nas democracias contemporáneas. O director recoñeceu a dificultade emocional de abordar un material tan violento sen caer na espectacularización.