A crise económica arxentina de 2001 froito de dúas décadas de neoliberalismo salvaxe deixou ao país en ruínas. Desmantelouse o tecido industrial e privatizáronse empresas públicas. O corralito financeiro conxelou as contas, a fuga de capitais superou os 40.000 millóns de dólares e as fábricas pecharon as súas portas nunha sucesión de despedimentos masivos empobrecendo á poboación.
Neste contexto de crise e corrupción política dase tamén unha vaga de solidariedade na que persoas traballadoras de diferentes fábricas e empresas deciden respostar e tomar os medios de produción de xeito autoxestionado, facéndose cargo directamente deles, sen patróns. Sucedeu en diferentes sectores, dende a industria ata a hostelería ou o turismo, pasando polas empresas de artes gráficas. Non se tratou de algo asumido como consecuencia de debates ideolóxicos, senón como resposta lóxica e necesaria ante a urxencia. O movemento de fábricas recuperadas naceu así como unha resposta directa á desesperación, reclamando non só o medio de produción, senón tamén dignidade e democracia integral no laboral e a subsistencia.
Se ben existen antecedentes históricos de fábricas que pasan a autoxestionarse e converterse en cooperativas, tratándose dun proceso que comeza moito antes en numerosos lugares do mundo, e mesmo como propia ferramenta de loita temporal do sindicalismo no país, o fenómeno esténdese trala crise. Este acto de rebeldía foi o xermolo dun movemento que se estendería por todo o Estado e continente, e que o documental The Take (2004) converteu nun símbolo global de resistencia ao modelo económico imperante. O fenómeno espallouse e pódense contar por centos en toda América Latina: máis de 20 no Uruguai, máis de cen no Brasil, e máis de 400 na Arxentina.
O documental que o reflicte, dirixido por Avi Lewis e escrito pola recoñecida activista e autora Naomi Klein, é unha produción canadense de 87 minutos que se presentou por primeira vez en setembro de 2004.
A narrativa, a cargo da propia parella, segue a loita dos traballadores de La Forja, pero tamén se detén nos casos da téxtil Brukman e da cerámica Zanon. Baixo os lemas “Despide ao xefe” e “Ocupar, resistir, producir”, o documental constrúe un relato que vai alén da simple crónica para converterse nun manifesto económico e social contra as receitas do Fondo Monetario Internacional e as políticas de privatización impulsadas durante a década de Menem e o neoliberalismo en xeral.
The Take retrata tamén con crudeza a batalla xudicial e lexislativa que os traballadores tiveron que librar para legalizar as súas cooperativas.
O documental amosa como, contra todo prognóstico, conseguiron pór en marcha as máquinas e producir cos seus propios medios, convertendo a fábrica nun espazo de autoxestión obreira. A película destaca a solidariedade entre as distintas fábricas e o apoio veciñal, como no caso de Zanon, despois renoemada como Fasinpat (de “fábrica sin patrón”, onde a comunidade saíu en defensa dos traballadores fronte a ordes de desaloxo.
O legado do filme transcende a súa propia duración. The Take non só documentou un fenómeno, senón que serviu de inspiración para movementos similares noutros países, demostrando que a autoxestión obreira é posible incluso nos contextos económicos máis adversos e que a democracia pode exercerse dende abaixo.