Hoxe botou a andar Hai Pontes. Catro días para debuxar a radiografía dun oco. Dende hoxe e ata o vindeiro sábado iremos afondando no papel das artes escénicas para mudar “o social” e o do activismo para mudar “o cultural”, ao tempo que buscaremos tecer alianzas entre ámbolos dous mundos.
Hoxe ás 17:00 o Teatro Ensalle de Vigo acolleu o primeiro dos catro espazos de debate que se realizarán estes días. Desta volta, o punto de confluencia, centrouse en como se levan adiante os procesos de construción social activa e cal é o papel que xogamos cada un e cada unha de nós na sociedade. Comezamos cuestionándonos ata que nivel o contexto inflúe á hora de construír a sociedade; continuamos compartindo os diferentes xeitos de incidir sobre o espazo público; experiencias diversas sobre a interacción cultural e social; e remexemos nos prexuízos que todxs temos á hora de activarnos.
Mañá pola mañá as xornadas desprázanse á rúa do Príncipe dende as 11:00. Teatro Trono, Anómico Teatro, Teatro Ensalle ou Avelina Pérez, percorrerán as rúas e espazos que orbitan ao redor da mesma a través de diversas formas de interacción. Xa pola tarde Laboratorio Fantoche (De catro a catro, 17:00) e Teatro Trono (Teatro Ensalle, 19:00) achegarannos a súa ollada sobre a realidade. Despois da representación do Teatro Trono terá lugar un novo punto de confluencia que buscará analizar as relacións que se establecen entre cultura e sociedade. Animámosvos a achegarvos para continuar debuxando a radiografía do oco!!
https://www.facebook.com/events/1240489362665111/
http://pontes.ecoarglobal.org/