G20: O SUMIDOIRO DO CAPITALISMO GLOBAL

with 1 comentario
BLOCK G20

Onte arrincou o cumio do Grupo dos Vinte (G20), que reúne as principais potencias económicas do mundo, cuxas temáticas centrais a debater son as relacionadas coa crise do capitalismo global. Na cidade de Hamburgo, onde ten lugar o cumio, acudimos organizacións de diversa índole da sociedade civil para expresar o rexeitamento ás políticas neoliberais e trazar outra vía que presente alternativas para resolver as diferentes problemáticas globais.

A pesar da situación de sitio que vive a cidade de Hamburgo (20.000 efectivos despregados), pedíronse reforzos policiais a outros puntos de Alemaña, posto que as forzas de seguridade xa contaban cunhas 100.000 persoas para as mobilizacións do venres. A policía confirmou un total de 70 detidxs dende o inicio das protestas.

A primeira hora da mañá arrincamos o “Block G20”, unha acción para entorpecer o normal desenvolvemento das conversas entre xs mandatarixs asistentes ao cumio, organizadxs en bloques conformados por centos de persoas distribuídas a través de distintas cores e temáticas cos que cortamos a principais interseccións da cidade. Varios bloqueos resultaron exitosos polo que algúns actos oficiais previstos para o venres tiveron que ser cancelados ao non poder garantir a policía a seguridade das 30 delegacións que participan no cumio.

Varios grupos da policía antidisturbios formando.

Entre as críticas e o menosprezo por parte de distintxs mandatarixs do G20 ás protestas, fóronse tratando no cumio as temáticas marcadas coa única excepción de que se incluíu de xeito sucinto o conflito na península coreana, sen acadar ningunha conclusión nova. De maneira central falouse de facilitar o comercio global. Nas conversas estivo presente de forma continúa a desconfianza dxs líderes e lideresas das posicións de Trump respecto do cambio climático e a retórica “proteccionista” seguida polo líder estadounidense. Outro tema a tratar foi a cuestión climática como prioritaria, aínda que segundo un recente informe elaborado por distintas organizacións ambientais (Friends of the Earth – U.S , WWF…) os países que conforman o G20 financian ata catro veces máis os combustibles fósiles que as enerxías renovables. De xeito paralelo ao cumio sucedéronse tamén distintas reunións bilaterias dxs mandatarixs. Unha das máis agardadas, foi a dos presidentes Putin e Trump, que se reunían por primeira vez cara a cara para abordar temas de calado como dous dos conflitos abertos nos que as dúas potencias teñen presenza. Abriron así un proceso de diálogo polo conflito na Ucraína e confirmaron un cese de hostilidades no sur-oeste de Siria que dará comezo o 9 de xullo ao mediodía.

Despois de finalizar a manifestación dxs estudantes e outras mobilizacións que tiveron lugar ao longo da mañá, xuntámonos de novo para participar nun novo bloqueo sendo escoltadxs en todo momento por un gran dispositivo policial, que acabou de novo con cargas por parte da policía. Ao longo de toda a tarde sucedéronse, no centro da cidade e no porto principalmente (onde estaba previsto que ceasen xs xefxs de estado na zona de Hafencity), diferentes accións que reivindicaban diversas cuestións (dereitos LGBTIQ+, Masa crítica, Anticapitalismo, Medioambiente…) e que impediron o normal desenvolvemento da axenda marcada para xs formantes do G20.

Activistas da masa crítica.

Ás 8 da tarde reunímonos en Reeperbahn para desenvolver unha grande manifestación que, baixo o título “Board the G20-sink Capitalism”, pretendía denunciar as políticas aplicadas polo G20 e amosar que este non é máis que o sumidoiro do capitalismo. Despois dun inxente dispositivo policial para impedir o desenvolvemento da manifestación, e tras duras cargas policiais, producíronse fortes enfrontamentos que continuaron por toda a cidade ao longo de toda a noite. Hoxe, dende a mañá, participaremos en novas mobilizacións que temos previstas onde esperamos contar, ademais, cun incremento de persoas que virán manifestarse a Hamburgo dende diferentes partes de Alemaña e máis aló. Neste segundo día de conversas do G20,  continuaremos a rexeitar de maneira frontal un cumio ilexítimo caracterizado por un funcionamento antidemocrático no que só teñen voz as elites económicas, e onde se intenta trazar unha construción global na que só as transnacionais e os beneficios económicos teñen cabida.

 

 

Máis información:

http://solidarity-summit.org/en/ (inglés)

G20TOHELL(inglés)

http://www.blockg20.org/en/ (inglés)

https://shutdown-hamburg.org/?lang=en (Inglés)

http://g20-demo.de/es/start-es/ (castelán)

http://g20-protest.info/

https://www.g20hamburg.org/en

 

Interésate: G20: HAMBURGO ÁS PORTAS DO INFERNO

 

One Response

  1. […] G20: O SUMIDOIRO DO CAPITALISMO GLOBAL […]