G20: HAMBURGO ÁS PORTAS DO INFERNO

with 2 Comentarios
A manifestación a piques de saír.

Este 5 de Xullo arrincou na cidade de Hamburgo o contracumio do G20, onde milleiros de activistas de diversas organizacións sociais que nos opoñemos ás políticas neoliberais unímonos para facerlles fronte e amosar que hai alternativas.

O Grupo dos Vinte, que reúne ás principais potencias económicas do planeta, defende políticas que non respectan os dereitos humanos nin ao planeta. Por isto abrimos espazos ao longo do día no que discutimos sobre as alternativas que poidan dar solución ás distintas problemáticas que nos afectan a todxs.

Entre os días 5 e 6 de Xullo tivo lugar na cidade hanseática un punto de encontro onde desenvolvemos 12 mesas redondas na que participamos distintxs activistas (entre xs que apareceron destacadas figuras internacionais como a coñecida eco-feminista Vandana Shiva), ademais de máis de 70 obradoiros, onde se trataron diversos temas como poden ser a cuestión climática, os dereitos laborais ou as alternativas económicas.

Lancha conducida por activistas.

O goberno alemán despregou para cada un destes días preto de 20.000 axentes, que dispoñen de diverso equipo antidisturbios ( canóns de auga, gas lacrimóxeno…). As medidas de seguridade inclúen ademais controis fronteirizos, unha zona delimitada de 38 quilómetros onde se prohiben as manifestacións e o peche do transporte público que pasa por eses lugares. A pesar da blindaxe levada ao cabo para este evento, a poboación de Hamburgo amosou compromiso e solidariedade cos activistas a través de pancartas nas casas ou coa facilitación e apertura de espazos.

Tendo en conta isto na mañá de onte participamos na reunión de activistas internacionais que tivo lugar no exterior do Kampnagel (centro cultural e artístico), ao que acudimos persoas de máis de 40 organizacións de diversa índole, na que se procurou tecer lazos e explicar as dinámicas a seguir nas diversas accións que terán lugar durante o contracumio.

Pancarta contra o control de fronteiras.

Xa ao comezo da tarde acudimos ao Arrivati Park para  asistir a reunión do Block G20, onde se puxeron en común os datos para o bloqueo do G20, puntos de encontro e o resto de información útil de cara á correcta realizacióndas accións. Posteriormente desenvolvemos a gran manifestación que levaba o lema “Welcome To Hell”, na que participamos máis de 12.000 persoas, e onde se corearon lemas contra o racismo, a represión e o capitalismo entre outros.

Hoxe da comezo de forma oficial o cumio do G20 a pesar de que onte xa se foron achegando a cidade de Hamburgo varios líderes. Na axenda aparecen temas como o sistema financeiro, fronteiras, fluxo migratorio, terrorismo e cun menor peso o cambio climático. Dende a diversidade buscaremos que escoiten ben alto o rexeitamento das políticas neoliberais que destrúen o planeta e pasan por riba dos dereitos fundamentais das persoas, bloqueando o G20 e participando nas distintas accións que terán lugar na cidade de Hamburgo.

Máis información:

http://solidarity-summit.org/en/ (inglés)

G20TOHELL(inglés)

http://www.blockg20.org/en/ (inglés)

https://shutdown-hamburg.org/?lang=en (Inglés)

http://g20-demo.de/es/start-es/ (castelán)

http://g20-protest.info/

https://www.g20hamburg.org/en

2 Responses

  1. […] Interésache: G20: HAMBURGO ÁS PORTAS DO INFERNO […]

  2. […] G20: HAMBURGO ÁS PORTAS DO INFERNO […]