
Onte demos os primeiros pasos por Renania de cara a prepararnos ben para afrontar a acción que terá lugar nos próximos días na rexión mineira do Rin. A primeira hora da mañá tocou inspeccionar o campamento, no Klimacamp están presentes activistas e organizacións de diversa índole e procedencia coas que fomos intercambiando impresións e contacto ao longo da mañá. Este ano participarán nas accións uns/has 2000 activistas en Ende Gelände e aínda se agarda que cheguen máis nos días seguintes.
Despois de coller forzas no xantar, decidimos acudir a unha das palestras que teñen lugar no recinto do Klimacamp, neste caso a charla titulábase “Rojava e ecoloxía” na cal varixs activistas kurdxs achegáronnos como se atopa a situación climática no Kurdistán, partindo da seca que sofren até o control dos recursos hídricos por parte do Estado Turco e a procura de vías alternativas como a autoxestión. A palestra tivo un carácter participativo, o que permitiu intercambiar diversas visións do problema e as súas posibles solucións.

Xa pola tarde partimos a inspeccionar a zona na que terán lugar as accións nos vindeiros dias. Esta é a mina de Garzweiler duns 48 km2 o que supuxo a desaparición da poboación do mesmo nome. Na contorna atopamos unha das últimas 6 habitantes da cercana vila de Immerath, que nos contou, dende a súa experiencia, como pouco a pouco a vila ía desaparecendo debido a actividade mineira dos arredores. As perspectivas de poder seguir vivindo alí segundo ela non pasan de comezos de 2018, por iso agradeceu a acción que visibiliza as consecuencias directas da minería en Renania.

Para rematar o día reunimonos no campamento para visualizar a curta “Wake Up, Freak Out – then Get a Grip” e o documental “Beyond The Red Lines” da man do colectivo Cine Rebelde. Nel puidemos repasar distintas accións nas que participamos, como o COP21, os Climate Games en Amsterdam ou mesmamente Ende Gelände no 2015. O documental serve para aproximar tanto o movemento climático como a busqueda de novas vías de loita no momento actual. Sen máis nos preparamos para moita máis actividade ao longo de hoxe no que xa iremos quecendo para a acción. Paremos o carbón e resistamos!
Máis información:
https://www.ende-gelaende.org/es/(en castelán)
http://www.klimacamp-im-rheinland.de/en/(en inglés)
Interésache:
ENDE GELÄNDE: ATERRANDO EN RENANIA
ENDE GELÄNDE 2017: POÑER FIN AO CARBÓN ÁS BEIRAS DO RIN