OMC 2017: UN FRACASO DO NEOLIBERALISMO GLOBAL

with Non hai comentarios

O pasado 13 de Decembro rematou a 11ª conferencia interministerial da OMC, na que non se puido alcanzar un consenso necesario para arribar á firma dun documento final entre xs ministrxs, debido principalmente ao confrontamento entre proteccionismo e multilateralismo. Xusto de forma paralela tamén tivo lugar durante estes días o Cumio dos Pobos, que encheu Bos Aires de reivindicación, debates e alternativas.

O novo goberno de EEUU que pasou a posicións proteccionistas, acudiu a este cumio con claras críticas cara a OMC. Fronte a isto China posicionouse como defensora da globalización e do comercio multilateral. Este novo escenario fai perigar a pervivencia da OMC como organismo competente nas negociacións para o comercio mundial. Ao traballar por consenso a OMC non pode chegar a acordos se un só país se opón. Unha das materias que se daban por aseguradas nesta 11ª conferencia era a eliminación dos subsidios para a industria pesqueira pero a reticencia da India impediu pechar este acordo. No mesmo sentido o resto de temas tamén quedaron sen acordos; ademais algúns países optaron por revisar a axenda marcada en Doha 2001, xa que entenden que o mundo mudou moito dende entón; principalmente o grupo de países que compón o G90.

A grande baza de Arxentina como país anfitrión era o TLC entre o Mercosur e a UE, pero a intención de pechalo antes de finalizar o ano truncouse, quedando pendente para outra rolda de negociación en xaneiro de 2018 en Bruxelas. Isto deixa este cumio como un rotundo fracaso que fai tremer a lexitimidade da OMC.

Nos días que duraron as negociacións tivo lugar de forma paralela o Cumio dos Pobos. Abríronse 3 xornadas de intensa discusión nos foros, talleres e seminarios. Persoas de todo o mundo e diferentes ámbitos déronse cita na cidade porteña para discutir e mudar impresións entre mesas de venda de libros e postos de comidas típicas. Ademais das actividades de rúa, que encheron de consignas e colorido Bos Aires, déronse debates das máis diversas temáticas: feminismo, interculturalismo, alternativas económicas, dereitos dxs traballadorxs e antimilitarismo foron só algunhas.

Estas son algunhas das recomendacións que se fixeron dende a sociedade civil: manter o espazo de desenvolvemento e política dos países en desenvolvemento, eliminación dos subsidios á pesca, eliminación da axenda da OMC do comercio electrónico por falta de competencias nestas áreas, a axenda agrícola debe priorizar seguridade e soberanía alimentaria.

Como punto central deste contracumio tivo lugar unha marcha que percorreu dende a diversidade as rúas de Bos Aires cunha soa voz que gritaba ben forte “Fóra OMC, Construír Soberanía!”

Links de interese:

Fuera OMC

OMC

Bilaterals

Interésache:

OMC 2017: ARRINCA O CUMIO DOS POBOS