Os pasados 12, 13 e 14 de outubro tivo lugar en Riaza (Segovia) un encontro encadrado no movemento internacional Break Free, cuxo obxectivo é poñerlle freo á produción de enerxía baseada no carbón. Acudimos ao encontro coa firme tarefa de tecer rede e crear alianzas para seguir construíndo o movemento contra as enerxías fósiles.
Tras o último informe do IPCC que indica que, se non se reduce a emisión de CO2 á metade de aquí a 2030, e a cero para 2050, as consecuencias poderían ser terribles: extinción de especies, seca, catástrofes climáticas… Urxe seguir a construír un movemento forte que loite para que estas medidas pola fin do carbón e os combustibles fósiles se convirtan nunha realidade.
Convidadxs dende todas partes do estado español, acudimos ao encontro colectivos de diversa índole cuxo punto en común é a loita contra o cambio climático. A través de palestras e obradoiros organizámonos para articular unha campaña aberta a organizacións que se sumen na defensa da terra, a loita contra o carbón e os combustibles fósiles. Partimos da idea de comezar con accións descentralizadas ao longo de todo o estado español que sirvan para quecer antes da COP24 en Polonia. Tamén nos organizamos por territorios para chegar ao maior número de persoas e organizacións.
O encontro serviu ademáis para intercambiar as distintas perspectivas e informacións sobre o cambio climático. Contamos coa presenza de compañeirxs de Colombia que nos informaron acerca do estado da loita contra a minería no seu país. Por último, o 13 de outubro, participamos nunha acción para visibilizar a loita contra o uso do fracking e do gas. Os proxectos de fractura hidráulica e extracción de gas están destruíndo o medio ambiente e, polo tanto, o clima. Isto fai que numerosas especies, incluída a nosa, vexan as súas vidas prexudicadas. Por isto temos que pórlle fin a estas actividades extractivas que contribúen ao esgotamento dos recursos e o cambio climático. Por un futuro sen carbón!
Máis información:
Interésache:
UN DEDO AZUL PARA FREAR O CAMBIO CLIMÁTICO
SUSPENSIÓN DA TALLA DO BOSQUE DE HAMBACH