ASSANGE: UNHA DETENCIÓN CONTRA O DEREITO Á INFORMACIÓN DE TODXS

with Non hai comentarios

O pasado 11 de Abril de 2019, Julian Assange foi arrestado pola policía británica na embaixada de Ecuador en Londres1, onde era acollido tras a concesión da nacionalidade ecuatoriana (agora denegada) por parte do anterior goberno daquel país. Está acusado de violar a liberdade provisional que lle fora concedida no ano 20122. Ademais, existe unha petición de extradición emitida polas autoridades estadounidenses (país onde incluso podería chegar a ser executado3)4. A ONU confirma que a detención de Assange foi ilegal5.

Assange é un programador, xornalista (non licenciado) e activista de Internet australiano, coñecido por ser o fundador, editor e voceiro de WikiLeaks6 dende o ano 2006. Esta é unha organización de medios internacional sen ánimo de lucro que conta cun arquivo especializado na análise e publicación de grandes conxuntos de datos de materiais oficiais censurados ou restrinxidos de interese público que tratan, entre outras cuestións, a guerra, a espionaxe ou a corrupción7. Segundo Assange, “WikiLeaks é unha biblioteca xigante dos documentos máis perseguidos do mundo. Damos asilo a estes documentos, analizámolos, promocionámolos e obtemos máis”8.

Se ben a web foi fundada no ano 2006, os documentos máis controvertidos foron publicados a partires do ano 2010 —10 millóns en total ata o día de hoxe—, segundo afirma a propia web. Entre os devanditos documentos destacan, por exemplo,  vídeos e documentos clasificados ou secretos onde se constatan violacións de dereitos humanos por parte do exército norteamericano nas guerras de Iraq e Afganistán9,10, negociacións secretas do TTIP11, ou informacións clasificadas da CIA que amosan as súas tácticas de espionaxe a diversxs líderes mundiais12.

A documentación manexada por WikiLeaks é obtida e posteriormente enviada a cinco xornais de reputación internacional (Der Spiegel, El País, Le Monde, The Guardian e The New York Times) de forma segura mediante diversos protocolos informáticos13. Esta información é analizada por especialistas e xornalistas para ser publicada polos distintos medios de comunicación. Mais os documentos están aloxados de forma accesible a todo o mundo e, en xeral, a súa veracidade non é cuestionada.

Así pois, WikiLeaks ispe completamente a gobernos, empresas transnacionais e organizacións criminais, deixando en evidencia os seus lesivos e nada democráticos métodos en todo o planeta para poder obter beneficios e acadar os seus obxectivos. Por esta razón a administración estadounidense ten tanto afán na extradición de Julian Assange (cuxa acusación  xa prescribiu no ano 2017) e no silenciamento definitivo de WikiLeaks, pois como o mesmo Assange dixo “canto máis secreta ou inxusta é unha organización, máis medo ou paranoia inducen as filtracións no seu liderado”. E, ao mesmo tempo, canto máis veraz e fidedigna sexa a información dunha sociedade, máis probabilidades ten esta de comprender e combater as inxustizas.

1  http://news.met.police.uk/news/arrest-update-sw1-365526
2 https://www.europapress.es/internacional/noticia-assange-condenado-reino-unido-violar-terminos-libertad-condicional-20190411162016.htm
3 https://www.amnesty.org/es/latest/news/2019/04/julian-assange-must-not-be-extradited-to-the-usa/
4 http://news.met.police.uk/news/update-arrest-of-julian-assange-365565
5 https://www.publico.es/internacional/onu-detencion-assange-ilegal.html
6 https://wikileaks.org/
7 https://wikileaks.org/What-is-WikiLeaks.html
8 https://www.spiegel.de/international/world/spiegel-interview-with-wikileaks-head-julian-assange-a-1044399.html
9 https://www.democracynow.org/2010/4/6/massacre_caught_on_tape_us_military
10 https://wardiaries.wikileaks.org/
11 https://wikileaks.org/ttip/
12 https://wikileaks.org/ciav7p1/
13 https://defend.wikileaks.org/wikileaks/

Máis Información:

Wikileaks

Interésache:

TTIP: O PARLAMENTO REXÉITAO, O CONSELLO IMPONO