REBELÉMONOS CONTRA A EXTINCIÓN

with Non hai comentarios

Nos últimos meses o movemento Extinction Rebellion protagoniza actos de desobediencia civil non-violenta en todo o mundo1,2 , principalmente no Reino Unido, co fin de acadar un cambio radical na xestión das políticas medioambientais do planeta. Procúrase minimizar o risco da extinción humana e o colapso ecolóxico3.

Este movemento, xurdido en Londres a finais do ano 2018 e que cada día se espalla por máis estados, organízase en grupos reducidos, de carácter participativo, descentralizado e inclusivo. Extinction Rebellion baséase nunha concepción do cambio social a través dunha cultura de rexeneración na que a mobilización activa do 3’5% da poboación xere dinámicas sociais que permitan activar a unha masa social máis ampla para poder acadar os obxectivos procurados.

As demandas presentadas no Reino Unido (que poderían ser extrapolables aos demais pobos do mundo) son en esencia tres:

— Que o goberno británico diga a verdade sobre o cambio climático, declarando a emerxencia climática.

— Que o goberno debe actuar dende xa na loita contra o devandito cambio.

— Que son as persoas, a través de asembleas cidadás, as que deben promover e organizar as accións en favor do planeta, presionando ao goberno para que actúe, e non á inversa4.

O cambio climático é unha das maiores ameazas para a vida do planeta en toda a súa historia, e a maior do século XXI. A actividade humana, especialmente a través da actividade das transnacionais, é a maior responsable desta situación. O sistema capitalista concibe o finito planeta Terra, como unha “despensa” infinita da cal se poden obter enormes beneficios a curto prazo5.
O necesario cumprimento do Acordo de París, como xa sucedeu co de Kyoto, está lonxe de acadarse polas vías tradicionais, posto que os gobernos por si sós non teñen a capacidade de poñer en práctica as medidas necesarias. A forma de afrontar o desafío non está clara, mais as alternativas abundan no mundo enteiro. Algunhas dentro do sistema capitalista6,7 , e outras máis ambiciosas8 e radicais9. Así pois, a mobilización das persoas concienciadas en xeral, e dos movementos como Extinction Rebellion en particular, poden sentar os alicerces dunha acción decidida e decisiva contra o meirande reto da nosa historia.

1  https://www.eldiario.es/internacional/Extinction-Rebellion-detenidos-semana-climatico_0_891711452.htm
2 https://rebellion.earth/2019/04/21/extinction-rebellion-international-action-highlights/
3 https://rebellion.earth/the-truth/about-us/
4 https://rebellion.earth/the-truth/demands/
5 https://www.un.org/es/sections/issues-depth/climate-change/index.html
6 https://bze.org.au/
7 https://www.rapidtransition.org/
8 https://www.ecologistasenaccion.org/?p=13381
9 http://periodicoellibertario.blogspot.com/2017/09/debate-el-anarquismo-primitivista-ante.html

Máis Información:

Extinction Rebellion

Interésache:

GLOBALIZACIÓN: A CIDADE AFOGA O CAMPO

TTIP: O PARLAMENTO REXÉITAO, O CONSELLO IMPONO