Vimos de rematar a acción de Ende Gelände que, por quinto ano consecutivo, vén de mobilizarse en Alemaña a través dunha grande acción de desobediencia civil, que ten como propósito denunciar a urxencia de poñerlle fin ao uso de enerxías fósiles.
Tras as diversas xuntanzas e formacións que tiveron lugar no campamento temporal instalado preto da mina de RWE, finalmente o venres 21 de Xuño, 4.000 activistas partimos dende o campamento en Viersen para bloquear os campos mineiros en Renania. Mentres isto sucedía o movemento Fridays For Future organizou paros escolares e protestas a favor do medioambiente, sendo o acto central unha manifestación en Aachen, na que participaron máis de 40.000 estudantes de 16 países.
Ao longo deste día xs activistas conseguimos frear a subministración de carbón das centrais térmicas de Neurath e Niederaussen, as meirandes de Alemaña, bloqueando as vías do tren que lles proporciona o combustible fósil. Este feito durou máis de 48 horas posto que o grupo de activistas que interrompeu o tránsito de trens cara ás centrais resistiu dende a mañá do venres ata a tarde do domingo 23 de Xuño.
Por outra banda, o sábado 22 xs activistas dirixímonos cara ao Garzweiller para bloquear unha das minas da maior área mineira de lignito de Europamina, que é propiedade da empresa RWE e subministra este carbón mineral ás centrais de Renania. Ao mesmo tempo que todas estas accións sucedían, 8.000 persoas conformaban unha manifestación organizada por organizacións da sociedade civil en solidariedade coas poboacións afectadas pola actividade mineira.
A pesar dos obstáculos postos polas autoridades, cunha clara violación do marco legal e do respecto dos dereitos civís por parte da policía alemá, as accións serviron un ano máis para visibilizar a necesidade, non só de pórlle freo ao uso das enerxías fósiles, senón de abandonar dunha vez por todas as políticas neoliberais en prol dun sistema que se constrúa respectando os dereitos das persoas e o planeta.
Así pois, finalizada a acción de Ende Gelände, continuamos o camiño coa mirada posta na seguinte etapa que nos conducirá a Portugal do 17 ao 21 de Xullo en Leiría, onde se desenvolverá o Camp in Gás. Este campamento, que concentrará activistas de diferentes puntos de Europa, forma parte dunha estratexia de escalamento a medio prazo de acordo coa urxencia climática e a mobilización social. Somos imparables, outro mundo é posible e necesario!!
Máis información:
Interésache:
2000 ACTIVISTAS PARA BLOQUEAR A MINA DE GARZWEILLER
2 Responses
ECOAR))) PARTICIPA NO VINDEIRO CAMP IN GAS - EN ACCIÓN)))
[…] ENDE GELÄNDE: A URXENCIA DA FIN DAS ENERXÍAS FÓSILES […]
CAMP IN GÁS: UN NOVO PASO CARA Á ESCALADA DE ACCIÓN - EN ACCIÓN)))
[…] ENDE GELÄNDE: A URXENCIA DA FIN DAS ENERXÍAS FÓSILES […]