FRONTEX: CORRUPCIÓN OPACIDADE E VIOLACIÓN DE DEREITOS HUMANOS

with Non hai comentarios

A Axencia Europea de Fronteiras, Frontex, podería levar a cabo miles de devolucións “en quente” de migrantes, unha práctica pola que se lles expulsa no momento mesmo en que tentan cruzar a fronteira sen serlles aplicada a lexislación de estranxeiría do país. Un vídeo de Outubro de 2020 do diario Der Spiegel1 mostra unha devolución no medio do mar Exeo dun bote con refuxiadxs. Fabrice Leggeri, director de Frontex, negou que un voo da axencia coincidise con esa devolución2 pero, segundo Der Spiegel os propios informes de Frontex confirmaban o voo.

O diario Político3 confirmou o 11 de Xaneiro que OLAF4, a Axencia Europea Anti-Fraude, iniciara unha investigación para delimitar o alcance das denuncias polas devolucións ilegais, acoso e mala praxe que recibía Frontex. A comisaria europea de Interior, Ylva Johansson, responsable política de Frontex, ten dende decembro un “libro negro”5 de 1500 páxinas compilado pola organización Border Violence Monitoring Network6 que detalla máis de 20.000 casos de devolucións en quente, abusos na fronteira e criminalización de ONG no chamado “roteiro dos Balcáns”. Xa fai nove meses, a garda croata foi acusada de pintar con spray as cabezas de migrantes7, nunha operación que puido ser supervisada por Frontex.

A axencia dispón de autorización para supervisar a actuación das policías fronteirizas dos distintos países membro, pero na práctica interveñen en todos eses países sen autorización, mesmo en contra da soberanía de calquera Estado membro. Nas súas redes sociais se enorgullecían non fai moito de ser “o primeiro servizo uniformado da Unión Europea”8, pois contan xa cun primeiro continxente armado de 5000 axentes que se duplicará no próximos seis anos.

O director Fabrice Leggeri, que segue mantendo un discurso fortemente anti-inmigración, ve como se cernen os escándalos sobre a súa axencia. Pero existen fortes intereses de equilibrio político europeo para impedir as investigacións ou a posible destitución de Fabrice, dado que non se desexa cuestionar a política migratoria nun contexto de crise de inmigración en Canarias9. É necesario, por tanto, poñer en cuestión as cooperacións en materia migratoria a nivel europeo, e forzar un control en profundidade dunha axencia que até o de agora escapou de calquera supervisión.

1 https://www.spiegel.de/politik/ausland/fluechtlinge-frontex-in-griechenland-in-illegale-pushbacks-verwickelt-a-00000000-0002-0001-0000-000173654787
2 https://euroefe.euractiv.es/section/exteriores-y-defensa/news/la-olaf-investiga-denuncias-de-expulsiones-ilegales-por-frontex-en-el-mar-egeo/
3 https://www.politico.eu/article/olaf-opens-investigation-on-frontex-for-allegations-of-pushbacks-and-misconduct/
4 https://ec.europa.eu/anti-fraud/home_en
5 https://www.theguardian.com/global-development/2020/dec/23/black-book-of-thousands-of-migrant-pushbacks-presented-to-eu
6 https://www.borderviolence.eu/
7 https://www.theguardian.com/global-development/2020/may/12/croatian-police-accused-of-shaving-and-spray-painting-heads-of-asylum-seekers
8 https://twitter.com/Frontex/status/1348653085422460929
9 https://elpais.com/espana/2021-01-24/los-desahuciados-de-la-crisis-migratoria-en-canarias.html

Máis Información:

https://www.borderviolence.eu/

Interésache:

FONDOS COVID: APONTOANDO AO CAPITAL PRIVADO

O NEGOCIO DA MANIPULACIÓN NAS REDES

VAGA DE FRÍO, MEDIDOR DE POBREZA

ATAQUE AO CAPITOLIO: GOLPE OU “PERFORMANCE”?