ATAQUE AO CAPITOLIO: GOLPE OU “PERFORMANCE”?

with 1 comentario

O pasado 6 de Xaneiro, miles de seguidorxs de Donald Trump, tras unha manifestación en apoio ao presidente, marcharon a través da Avenida Pensilvania en Washington D.C. e entraron no edificio do Capitolio1, tentando evitar a formalización da vitoria electoral de Joe Biden. Durante algunhas horas ocuparon, vandalizaron e saquearon partes do edificio2. Estes feitos foron cualificados de traizón, insurrección ou terrorismo polos medios de comunicación estadounidenses. Con todo, un vídeo mostra como a actitude das forzas de seguridade non foi tan contundente como noutros sucesos de signo contrario, como mostran algunhas imaxes recollidas no lugar3. Canto hai de golpe á democracia, ou pola contra é unha “performance” política?

O intento de frear a formalización da vitoria de Biden viña promovido e alentado polas declaracións de Donald Trump, onde afirmaba falsamente que houbera fraude electoral nas eleccións de 20204. Nunha manifestación durante a mesma mañá do 6, Dondald Trump Jr. e Rudy Giuliani incitaron aos/ás seus/súas seguidorxs a “loitar como o inferno” e “recuperar o noso país”5, animándoxs a marchar cara ao Capitolio. Tras os sucesos posteriores, que incluíron cinco mortes, incluíndo a dun policía do Capitolio, Trump resistiuse inicialmente a enviar á Garda Nacional contra xs seus/súas seguidorxs, chamándoxs “patriotas” e animándoxs a “volver a casa en paz”6 dende a súa conta de Twitter.

As reaccións non se farían esperar. Trump viuse obrigado a publicar unha declaración gravada en vídeo onde condenaba a violencia no Capitolio e avogaba por unha “transición de poder suave e ordenada”, tras ser convencido a iso polo senador Lindsey Graham para deter as ameazas de destitución dunha boa parte dxs senadorxs republicanxs7. Máis de 70 países e organizacións internacionais expresaron a súa preocupación polas protestas8 e condenaron a violencia, incluíndo algunhas condenas específicas a Trump por incitar a revolta e cualificándoa de “ameaza á democracia”. Ademais, iniciouse un segundo proceso de destitución a Donald Trump como incitador de “accións ilegais contra o Capitolio”9, votándose a favor con 232 votos contra 197, polo que o Senado procederá a facer un xuízo político ao presidente.

Non hai dúbida que Trump baseou o seu mandato en volver poñer sobre o debate público e re-lexitimar discursos racistas, sexistas e ultraliberais, pero é fácil tamén caer na tentación de alegrarse demasiado da súa marcha e considerala “unha solución”. E Joe Biden, un demócrata conservador, non vai traer as políticas progresistas que moitxs agardan. A nova administración e certos sectores republicanos parecen aproveitar a conxuntura para construír un relato que reforce a nova figura de Biden, para xustificar a aplicación de políticas represivas e antisociais nun futuro próximo ante a perspectiva dunha crise sanitaria que non termina e outra económica que está a arrincar. Como sempre, a única vítima real será a poboación.

1 https://www.bbc.com/news/av/world-us-canada-55641714
2 https://www.bbc.com/news/world-us-canada-55575260
3 https://www.chron.com/news/nation-world/article/Police-let-mob-in-Capitol-attack-Trump-riot-15853548.php
4 https://www.bbc.com/news/55561877
5 https://www.bostonglobe.com/2021/01/06/metro/heres-what-trump-told-his-supporters-before-many-them-stormed-capitol-wednesday/
6 https://thehill.com/homenews/administration/532976-trump-tells-rioters-go-home-we-love-you
7 https://www.vanityfair.com/news/2021/01/facing-legal-and-political-peril-trump-is-turning-on-even-his-most-devoted-allies
8 https://www.bbc.com/news/uk-politics-55580806
9 https://edition.cnn.com/2021/01/13/politics/house-vote-impeachment/index.html

Máis Información:

https://www.democracynow.org/

Interésache:

VACINAR A COVID-19: UN LUXO DE PAÍSES RICOS?

ECUADOR, NOVAMENTE BAIXO O XUGO DO FMI

NON-VIOLENCIA ACTIVA: UN PULSO AO NEOLIBERALISMO

MÉXICO XULGA AOS SEUS EXPRESIDENTES

One Response

  1. […] ATAQUE AO CAPITOLIO: GOLPE OU “PERFORMANCE”? […]