MÉXICO XULGA AOS SEUS EXPRESIDENTES

with 1 comentario

O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, anunciou, o 15 de setembro, a súa intención de realizar unha consulta popular sobre o posible axuizamento aos  expresidentes que gobernaron México dende 1988 a 20181. Para iso, enviou unha solicitude formal ao Senado da República. Obrador suxeriu que a consulta teña lugar o 6 de xuño de 2021 ou na data que estableza o artigo 35 da Constitución2.

Paralelamente, tivo lugar unha campaña popular nacional de recollida de sinaturas coa mesma finalidade3. A través desta vía, precisábanse as rúbricas do dous por cento dxs rexistradxs na lista nominal de electorxs, polo que se precisaban, como mínimo, 1.800.727 sinaturas4. Aínda que o Comité Promotor da Consulta superou amplamente os 2 millóns de rúbricas, estas foron entregadas no Senado da República preto de medianoite, horas despois de que fixese o mesmo o Presidente mexicano5. Este feito provocou que a Suprema Corte de Xustiza da Nación deixase sen efecto a petición popular en favor da presidencial, ambas as dúas moi similares6,7.

Os expresidentes en cuestión son: Enrique Peña Nieto, Felipe Calderón, Vicente Fox, Ernesto Zedillo e Carlos Salinas de Gortari. As razóns para o seu xuízo son diversas, e inclúen, entre outros feitos, a corrupción, a privatización de numerosas empresas ou a manipulación de procesos electorais. Con todo, non está claro que tales feitos sexan delituosos segundo a lexislación vixente, ou os mecanismos legais que permitirían o procesamento penal destas persoas8.

Doutra banda, o fallo da Suprema Corte de Xustiza da Nación que garante a lexitimidade da consulta, cambiou substancialmente o contido da mesma. Na pregunta orixinal mencionábase explicitamente aos cinco expresidentes e na actual menciónase a “actores políticos”9.

Cabe esperar que os Poderes poñan non poucas trabas ao proceso. O camiño dende o punto actual até o final axuizamento aos “actores políticos” será longo e duro. Ademais de que contarán con poderosos mecanismos de defensa legal, é posible que aínda teñan influencias no sistema xudicial ou pode tamén que os seus delitos xa prescribisen. Por tanto, é posible que o proceso xudicial non leve a ningures10.

Con todo, a xustiza popular non entende de artimañas legais. O pobo debe seguir mobilizádose para que se faga xustiza e se reparen, polo menos en parte, os danos causados. Pero, sobre todo, o Pobo de México debe seguir mobilizándose porque pode sentar un importante precedente, no seu país e no Mundo enteiro.

1 https://lopezobrador.org.mx/2020/09/15/presidente-da-a-conocer-solicitud-de-consulta-popular-para-llevar-a-juicio-a-expresidentes/
2 https://lopezobrador.org.mx/wp-content/uploads/2020/09/15-09-2020-Carta-al-Senado-de-la-Repu%CC%81blica.pdf
3 https://www.juicioexpresidentes.mx/
4 https://www.juicioexpresidentes.mx/ruta-legal
5 https://www.jornada.com.mx/ultimas/politica/2020/09/16/comite-pro-juicio-a-ex-presidentes-entrego-2-5-millones-de-firmas-a-senado-5405.html
6 https://www.jornada.com.mx/ultimas/politica/2020/12/10/scjn-desestima-peticion-ciudadana-de-consulta-sobre-ex-presidentes-3009.html
7 https://www.internet2.scjn.gob.mx/red2/comunicados/noticia.asp?id=6293
8 https://www.elsoldemexico.com.mx/mexico/politica/que-es-la-consulta-popular-suprema-corte-diputados-ciudadania-5693468.html
9 https://www.internet2.scjn.gob.mx/red2/comunicados/comunicado.asp?id=6230
10 https://www.jornada.com.mx/ultimas/politica/2020/10/02/editorial-scjn-fallo-historico-por-la-consulta-7334.html

Máis Información:

https://www.juicioexpresidentes.mx/

Interésache:

ERDOĞAN E O DELIRIO NEO-OTOMANISTA

INDIA: ESTALA A REVOLTA CAMPESIÑA

COMEZA A ESPECULACIÓN GLOBAL DA AUGA

CONGO: HIDRÓXENO “VERDE”, SAQUEO NEOCOLONIAL

One Response

  1. […] MÉXICO XULGA AOS SEUS EXPRESIDENTES […]