ERDOĞAN E O DELIRIO NEO-OTOMANISTA

with 1 comentario

En moitos gobernos autoritarios do mundo, apelar a un pasado glorioso do imaxinario colectivo é unha ferramenta política habitual. Vémolo en Mongolia, co constante recordo da figura de Gengis Kan1, ou nos recordos nostálxicos do pasado imperial británico por parte dxs políticxs conservadorxs dese país2. En poucos lugares, con todo, adquire o aspecto dunha ideoloxía política tan belicista como con Recep Tayyip Erdoğan e o seu Neo-Otomanismo: o soño de resucitar o antigo Imperio Otomán que en tempos estendeuse dende Libia até o Mar Caspio e que durou até 19223. Este desexo serviu a Erdoğan para converter o réxime parlamentario turco noutro de carácter presidencialista e autoritario e para iniciar unha política expansiva no plano internacional.

Este cambio na política turca explícase en parte co fracaso da entrada de Turquía na Unión Europea, tras máis de 50 anos de intentos infrutuosos4, e en parte co intento de golpe de estado de xullo de 20165, que deu pé a Erdoğan para deseñar unha nova forma de gobernar autocrática. Dende ese momento leváronse a cabo purgas institucionais baixo a acusación de “conspirar en favor do levantamento”, persecucións de partidos políticos e organizacións da sociedade civil considerados contrarios aos seus intereses, e a xeración dun clima social de intensa polarización política e de supresión de liberdades civís.

O Neo-Otomanismo vincula o nacionalismo turco (que exclúe a armenixs, kurdxs e outros grupos sociais non-túrquicos) coa re-islamización da sociedade. Turquía, un estado laico dende 19246, sofre agora unha forte deriva islamita, como demostra, por exemplo, o feito de reconverter a basílica de Santa Sofia en mesquita7. Esta tripla vinculación entre nacionalismo, relixión e goberno permitiu a Erdoğan tanto a deriva autoritaria da política institucional turca como a posta en marcha dunha política exterior expansiva, agresiva e enfocada á loita de Turquía pola hexemonía rexional, xerando tensións con Irán e Arabia Saudita.

Esa política exterior agresiva está plasmada nas múltiples frontes abertas de Erdoğan: no seu papel no conflito palestino-israelí, apoiando unha pequena frota humanitaria para Gaza que foi atacada por Israel en 20108; na súa intervención na “primavera árabe”, apoiando aos Irmáns Musulmáns en Exipto e a milicias islamitas contra Bashar al Asad en Siria9; incrementando a tensión con Grecia en Chipre, coas súas prospeccións de gas no Mediterráneo10 ou apoiando a Azerbaixan no seu enfrontamento con Armenia e enfrontándose indirectamente con Rusia por iso, para obter do fráxil goberno libio unha zona marítima exclusiva no Mediterráneo a fin de competir cos proxectos de Grecia e Chipre11.

Erdoğan parece levar, por tanto, a Turquía a unha situación de tensión cos seus veciños que pode ter graves implicacións para o país, tanto interna como externamente. A nivel interno erosionáronse as institucións do país mediante estratexias disruptoras propias do populismo. A nivel externo, a súa expansión por Oriente Medio aumenta a conflitividade nunha rexión xa inestable, engadindo un actor máis ao enfrontamento entre Washington, Moscova e Pequín. Deste xeito as políticas de Erdoğan conducen á nación cara ao illamento e a supresión de liberdades civís. Está en mans do pobo turco expulsalo do goberno e obrigar a dar marcha atrás á deriva nacionalista e islamita. Só desta maneira poderán xs turcxs recuperar as súas liberdades civís e normalizar a súa relación cos países da zona.

1 https://www.kuriositas.com/2013/04/genghis-khan-rides-again-huge-statue-of.html
2 https://www.theguardian.com/books/2011/oct/19/end-myths-britains-imperial-past
3 https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=6231871
4 https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/?uri=LEGISSUM%3Ae40113
5 http://cnn.it/29Ejkw0
6 http://news.bbc.co.uk/2/hi/europe/3225651.stm
7 https://es.euronews.com/2020/07/24/santa-sofia-vuelve-a-ser-mezquita-y-celebra-su-primer-rezo-del-viernes
8 https://edition.cnn.com/2010/WORLD/meast/05/31/gaza.flotilla.israeli.raid/
9 https://eeradicalization.com/es/la-turquia-de-erdogan-y-la-hermandad-musulmana-en-africa/
10 https://www.europapress.es/internacional/noticia-turquia-vuelve-desplegar-buque-prospeccion-mediterraneo-oriental-pese-disputas-grecia-20200810131817.html
11 https://www.bbc.com/mundo/noticias-internacional-54913027

Máis Información:

https://www.middleeasteye.net/

Interésache:

INDIA: ESTALA A REVOLTA CAMPESIÑA

COMEZA A ESPECULACIÓN GLOBAL DA AUGA

CONGO: HIDRÓXENO “VERDE”, SAQUEO NEOCOLONIAL

DEREITOS DIXITAIS EN ESPAÑA

One Response

  1. […] ERDOĞAN E O DELIRIO NEO-OTOMANISTA […]