A situación de Andorra con respecto aos dereitos de xénero é unha gran descoñecida, a pesar da proximidade xeográfica. Unha das razóns é a propia vontade do goberno andorrano de proxectar unha imaxe de modernidade, tendo en conta que o 54.5% do PIB do país1(en 2015) baséase no sector Servizos. Con todo, esta imaxe dista moito da realidade. Nun país onde toda lei debe ser aprobada por algún dos copríncipes que teñen en calidade de xefes de Estado, e onde un deles é o monseñor Joan-Enric Vives, bispo da Seu d’ Urgell2,a Igrexa católica ten un forte poder político, impedindo a legalización do aborto e condenando á sociedade andorrana a vivir nunha teocracia ao máis puro estilo medieval.
Así, o Código penal, aprobado en 2005, recoñece o aborto nos “delitos contra a vida humana prenatal”. No caso de interrupcións de embarazo consentidas, o texto legal prevé penas de prisión de tres meses a un ano e inhabilitación de 5 anos do profesional sanitario que o exercese, segundo o artigo 1083. A tentativa de aborto tamén se considera delito e a lei non contempla excepcións, nin sequera en casos de malformación do feto, violación ou perigo para a muller, razón pola cal foi censurado polo Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller ( CEDAW), un organismo dependente da ONU4.
Co impulso da folga do 8 M 2018, os colectivos feministas de Andorra comezaron a latexar e a sacar as súas demandas de despenalización do aborto e do fin da violencia machista á rúa5. Un destes colectivos, Stop Violències6, creou unha rede chamada “La Meri”7, que proporciona ás mulleres información, acompañamento e un roteiro seguro para poder abortar gratuitamente en Cataluña. A presidenta deste colectivo, a feminista Vanessa Mendoza Cortés, foi denunciada por difamación polo goberno andorrano, baseándose no informe que presentara ante a CEDAW, e polo que poderían condenala ata a catro anos de prisión e 30.000 euros de multa8, o que demostra unha vez máis a vontade institucional de acalar ás voces críticas.
A legalización do aborto atopa o principal obstáculo na organización institucional de Andorra. O copríncipe episcopal, Joan-Enric Vives, dixo en máis dunha ocasión que no caso de que se legalizase deixaría de ser copríncipe, e a Iglesia renunciaría ao dereito de ter un xefe de estado andorrano9. Pola súa banda, o copríncipe francés, Emmanuel Macron, dixo nunha visita oficial a Andorra ser partidario do aborto pero que a decisión correspondería aos andorranos, proclamándose ademais “garante da independencia de Andorra”10 e suxerindo por iso que a legalización crearía unha crise política que faría perigar a independencia do país.
Debemos ser conscientes, con todo, de que a loita feminista comezou a evidenciar as contradicións do goberno de Andorra. Proba diso é o proceso sobre Vanessa Mendoza Cortés ou os intentos da policía andorrana de ilegalizar a última hora a manifestación o 28 de setembro de 2019 e que as feministas decidiron desobedecer11. A loita feminista demostrou ser unha espada de Damocles que fai cambalearse o equilibrio político de Andorra. Que siga a loita feminista en Andorra!
1 https://theodora.com/wfbcurrent/andorra/andorra_economy.html 2 https://www.bisbaturgell.org/index.php/ca/principat-dandorra 3 https://leslleis.com/L2005009#T_tol_II._Delictes_contra_la_vida_humana_prenatal 4 https://www.ohchr.org/EN/countries/ENACARegion/Pages/ADIndex.aspx 5 https://www.altaveu.com/actualitat/andorra-es-mes-feminista-que-mai_6933_102.html 6 https://www.facebook.com/stopviolencies/ 7 https://stopviolencies.wixsite.com/stopviolencies/copia-de-informes-i-xarxa-internaci 8 https://www.publico.es/sociedad/sucesos/gobierno-andorra-denuncia-difamacion-feminista-expuso-situacion-mujer-pais.html 9 https://www.diariandorra.ad/noticies/nacional/2018/11/05/el_vatica_avisa_que_avortament_faria_abdicar_coprincep_137655_1125.html 10 http://www.elpuntavui.cat/politica/article/17-politica/1665180-macron-es-declara-el-garant-de-la-independencia-d-andorra.html 11 https://www.publico.es/sociedad/sucesos/gobierno-andorra-denuncia-difamacion-feminista-expuso-situacion-mujer-pais.html
Interésache:
One Response
MADRID: ESPAZOS SOCIAIS EN PERIGO - EN ACCIÓN)))
[…] O RISCO DE LOITAR POLO ABORTO EN ANDORRA Manual para Campañas Non-Violentas ASINA: CONTRA A VENDA DE ARMAS DE ESPAÑA Destacados, Difunde, Todos os Artigos […]