O pasado 24 de marzo cumpríronse 45 anos do golpe de estado en Arxentina que encabezou o militar Videla e que deu paso á ditadura (1976-1983) que sumiu ao país latinoamericano na represión, violencia e unha onda de retroceso en dereitos humanos. Como cada ano conmemorouse o Día Nacional da Memoria pola Verdade e a Xustiza.
Por segundo ano consecutivo non se realiza a marcha anual, na que se pide castigo para os responsables da ditadura e lémbrase ás vítimas, que segundo varios organismos de dereitos humanos a súa cifra podería ascender ata as 30.000 persoas que na súa maioría continuan desaparecidas a día de hoxe1. A decisión foi tomada pola mesa de organismos de dereitos humanos, que integran 13 organizacións, entre elas Avoas e Nais de Praza de Maio, un dos colectivos máis recoñecidos na loita contra a ditadura2.
Unha das principais accións da xornada foi a plantación de árbores en lugares representativos como a antiga Escola de Mecánica da Armada de Buenos Aires ( ESMA), un dos maiores centros de detención clandestina do país e hoxe convertido nun espazo para a memoria e a defensa dos dereitos humanos.
Jorge Rafael Videla, xefe da ditadura e principal artifice da represión, foi condenado a cadea perpetua, pena que só cumpriría despois de que se anulase un indulto3 realizado polo goberno do presidente Menem en plena democracia. Morreu nun penal civil de Arxentina, con todo xamais mostrou arrepentimento e moitos dos que seguiron as súas ordes quedaron impunes, ademais de que miles seguen desaparecidos. Foi un dos principais artífices da Operación Condor que asasinou, reprimiu, destruíu calquera indicio en Latinoamérica de goberno de progreso, case sempre coa colaboración militar dos países implicados e a CIA4.
A pregunta que se fai a sociedade Arxentina é como avanzar e, para iso, aprobouse a Lei de Educación Nacional N° 26.2065 que estableceu como prioritario promover unha educación de calidade, o que implica tamén formar cidadáns responsables que exerzan a súa liberdade con plenitude e sentido, valoren e promovan os dereitos humanos, e poidan desenvolverse de maneira igualitaria. Máis concretamente promóvense materiais curriculares que estuden de forma crítica a historia Arxentina actual. Convídase a reflexionar sobre os Dereitos Humanos ou se acode a lugares da memoria. O camiño para acabar con estes feitos en todo o mundo é a verdade, a xustiza, a reparación e non a repetición.
1 https://web.archive.org/web/20170329045510/http://www.jus.gob.ar/derechoshumanos/areas-tematicas/ruvte.aspx 2 https://www.efe.com/efe/america/sociedad/argentina-conmemora-en-silencio-45-anos-del-golpe-que-dio-paso-a-la-dictadura/20000013-4496203 3 http://www.saij.gob.ar/legislacion/decreto-nacional-1002-1989-indultos 4 https://web.archive.org/web/20090113225603/http://www.telesurtv.net/noticias/secciones/nota/15408-NN/documentos-de-la-cia-fechan-inicio-de-operacion-condor-dos-anos-antes-de-su-creacion-oficial/ 5 https://siteal.iiep.unesco.org/bdnp/12/ley-26206-ley-educacion-nacional
Interésache:
One Response
AFGANISTÁN: OUTRA DERROTA PARA A OTAN E EE.UU. - EN ACCIÓN)))
[…] A 45 ANOS DO GOLPE DE ESTADO EN ARXENTINA Manual para Campañas Non-Violentas ASINA: CONTRA A VENDA DE ARMAS DE ESPAÑA Destacados, Difunde, Todos os Artigos […]