NOVO RECORTE NAS PENSIÓNS EN ESPAÑA

with Non hai comentarios

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións xunto coa mesa de diálogo social, formada por Comisións Obreiras, UXT e as patronais CEOE e Cepyme, pactaron unha reforma das pensións1 que obrigará a traballar dous anos máis, dos 64,5 anos da idade de xubilación actual aos 66,5 e que entrará en vigor en 2024. Para iso, planean penalizar a xubilación anticipada: recortes de até o 21% na prexubilación ordinaria e bonificacións a quen decida alongar o seu período.

A razón principal que se deu para esta reforma dende o goberno é a relativa á chamada “xeración boom” dxs nacidxs entre 1946 e 1964. Se se observa a pirámide poboacional española pódese comprobar que xs “boomers” son máis numerosxs que calquera das xeracións anteriores e posteriores2. Entre os 45 e 49 anos hai 3 millóns de persoas ocupadas, fronte ás 80.000 entre 16 e 19 anos ou as 760.000 entre 20 e 24. Isto causaría, segundo o Ministerio de Seguridade Social, que o gasto en pensións supuxese 2,5 puntos do PIB en 2050. Con esta reforma, o goberno pretende reducir a 1,3 puntos.

As reaccións por parte tanto do colectivo dxs pensionistas como de calquera sindicato que non sexa CCOO ou UXT non se fixeron esperar. CXT lanzou un comunicado acusando o Goberno de facer leis para continuar desmantelando, de forma progresiva, o Sistema Público de Pensións3. ELA, o sindicato vasco4, critica que a reforma non dá resposta ás demandas da folga xeral do 30 de xaneiro do ano pasado e que vai supoñer novos recortes.

Aínda que alongar dous anos a vida laboral sexa positivo para as arcas da Seguridade Social por non ter que abonar pensión dos 24 meses que sigan en activo, o goberno parece non ter en conta o impacto desta medida na poboación parada de longa duración nun mercado laboral que considera vellas ás persoas de máis de 45 anos ou o impacto na mocidade, cun paro superior ao 38%, o dobre da media europea. É de supoñer que unha parte da razón desta medida sexa ofrecer argumentos á Unión Europea para acceder á cobranza dos fondos de recuperación Next Generation.

Como sempre, e fronte a este ataque frontal ao sistema público de pensións e ás clases populares, a única solución pasa por retomar a rúa e participar en cantas mobilizacións e accións se convoquen na súa defensa. Só a protesta organizada dende a rúa poderá derrubar os ataques contra a clase traballadora.

1 https://www.lamoncloa.gob.es/presidente/actividades/Paginas/2021/010721-acuerdo-pensiones.aspx
2 https://www.elindependiente.com/economia/2021/07/02/9-millones-de-espanoles-se-veran-afectados-por-el-recorte-de-pensiones-de-escriva/
3 https://cgt.org.es/cgt-considera-que-el-acuerdo-alcanzado-para-la-reforma-de-las-pensiones-es-un-nuevo-ataque-contra-el-sistema-publico-de-pensiones-y-las-clases-populares/
4 https://www.ela.eus/es/noticias/ela-denuncia-que-la-reforma-impone-mas-recortes-en-jubilaciones-anticipadas-y-calculo-de-pensiones

Interésache: