AUMENTA A REPRESIÓN DA XUNTA BIRMANA

with 1 comentario

A día 8 de abril de 2021, 2857 persoas foron arrestadas ou sentenciadas e 614 persoas foron asasinadas pola xunta das forzas militares golpistas en  Birmania, segundo datos da Asociación de Asistencia a Presos Políticos1, no que supón un aumento da intensidade da represión e da violencia desde os primeiros días do golpe militar e a instauración da xunta castrense de  Min  Aung  Hlaing. Só no Día das Forzas Armadas, 114 civís perderon a vida nunha brutal represión que xa foi condenada pola ONU2, entre eles seis nenos e adolescentes.

O golpe de estado de  Birmania comezou a mañá do 1 de Febreiro cando o goberno do partido elixido democraticamente, a liga Nacional para a Democracia, foi deposto polas forzas armadas, e a  exconselleira do estado,  Aung San  Suu  Kyi, foi arrestada baixo a acusación de “fraude electoral”3. Desde entón, e a pesar da represión e as ameazas da xunta militar, miles de manifestantes protestaron contra o golpe na chamada “revolución da primavera”4. Para evitar estas protestas, as forzas militares adoptaron  contramedidas como apagamentos na internet5, peche de medios de comunicación6, difusión de desinformación7 e un aumento da violencia e a represión contra a poboación.

Mentres tanto, organizacións como o Civil  Disobedience  Movement impulsan movementos de boicot e absentismo laboral por parte de funcionarios, a pesar da agresividade da xunta militar8.Os traballadores da saúde, foron ameazados polo xefe militar  Min  Aung  Hlaing para que volvan ao traballo, en lugar diso usan clínicas médicas móbiles e hospitais privados para ofrecer servizos médicos gratuítos á poboación sen pasar polo goberno. Activistas de Tailandia, Hong Kong e  Taiwan traduciron ao  birmano o seu manual de protestas9 para apoiar ao movemento cidadán.

A incerteza xeneralizada pola violencia no país causou, con todo, que milleiros de persoas tenten exiliarse aos países limítrofes. Entre tres e catro mil persoas viaxan cara ao Estado de  Karen desde o sur do país e de alí foxen a  Mae Hong Son en Tailandia10. Unhas 700 persoas no norte entraron na India, onde son tratados como “inmigrantes ilegais” en lugar de refuxiados. Entre eles están os policías  birmanos que fuxiron á India por negarse a atacar á súa poboación, e dos que o goberno militar pide a súa extradición para dar exemplo11.

Ante a gravidade da situación que vive o país asiático, resulta admirable a dignidade demostrada por unha poboación que decidiu plantar cara ao golpe. Pese ao aumento da violencia, ou talvez por el, a xunta militar de  Min  Aung  Hlaing está a demostrar ser un goberno débil, sen apoio da maior parte dos países e cunha poboación firmemente na súa contra. Esperemos que as protestas logren resultados que conduzan finalmente á democracia e ao fin da represión.

1 https://aappb.org/
2 https://www.publico.es/internacional/matanza-militares-myanmar.html
3 https://www.bbc.com/news/world-asia-55882489
4 https://globalnews.ca/news/7654321/myanmar-protests-military-force/
5 https://apnews.com/article/united-nations-myanmar-media-social-media-yangon-e7765d3459d386219ee1dca8ad1e089c
6 https://www.theguardian.com/world/2021/mar/08/myanmar-un-chief-urges-release-of-trapped-protesters
7 https://www.rfa.org/english/news/myanmar/media-fake-10132020104123.html
8 https://www.voanews.com/east-asia-pacific/how-myanmars-civil-disobedience-movement-pushing-back-against-coup
9 https://docs.google.com/document/d/1ZrIiXypVUvPIRs9JG8AsU55FkLsz81pqZstKQcbsAHc/edit#heading=h.9n9f9eiq3xhs
10 https://mondiplo.com/duro-exilio-de-los-birmanos-en-tailandia
11 https://thefederal.com/news/india-in-diplomatic-spot-as-myanmar-urges-return-of-cops-who-fled-across-border/

Interésache:

One Response

  1. […] AUMENTA A REPRESIÓN DA XUNTA BIRMANA Manual para Campañas Non-Violentas ASINA : POR UNHA SAÍDA XUSTA DESTA CRISE Destacados, Difunde, Todos os Artigos […]