“La hora robada”: o documental que denuncia o impacto do turismo en Gran Canaria
with Non hai comentarios

A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) estrea o documental “La hora robada. Turismo, neocolonialismo e desarraigamento en Gran Canaria”, unha obra audiovisual que analiza as consecuencias sociais e territoriais do modelo turístico actual na illa. A peza, de 35 minutos, xorde no marco do curso “Comunicar para o cambio” e implicou o desprazamento dun equipo de cinco realizadoras a Gran Canaria durante cinco semanas.

O proxecto naceu coa intención de abordar as rutas migratorias cara ás Canarias, mais o equipo reorientou o enfoque ao detectar unha forte mobilización social arredor do acceso á vivenda e dos diferentes modelos extractivistas.

A obra dá voz a colectivos cidadáns que denuncian a perda do seu espazo vital e a dificultade de acceso a unha vivenda digna. “Derecho al Techo”, “Guanarteme se Mueve”, “Las Kellys Gran Canaria” ou “La Aldea Sostenible” participan no documental para evidenciar como a presión turística dificulta o acceso a unha vivenda digna e precariza as condicións de vida da poboación local.

As realizadoras Mica Pavone, Alejandra Ceballos, Andrea Oyagüe e Sara Gestal, xunto co coordinador Pablo Santiago, recollen testemuños que mostran a expulsión veciñal de barrios como Guanarteme (As Palmas de Gran Canaria) debido á especulación inmobiliaria e á proliferación de vivendas de uso turístico.

O documental tamén analiza as contradicións do modelo económico insular. A bonanza do sector servizos non se traduce nunha mellora das condicións de vida: traballar no turismo non garante poder pagar un alugueiro. Segundo Pablo Santiago, trátase dunha das comunidades con maior pobreza severa, onde moitas persoas non poden facer fronte aos custos básicos. Así, a obra defínese máis como unha ferramenta política de concienciación que como un produto cultural convencional.

No ámbito ambiental, “La hora robada” aborda a central hidroeléctrica de Chira-Soria como un proxecto de grande impacto. O proxecto consiste na creación dun sistema de almacenamento enerxético mediante bombeo entre os encoros de Chira e Soria: auga desalgada do mar sería impulsada ata cotas de até 900 metros de altitude para xerar electricidade en momentos de alta demanda. Porén, o documental recolle voces críticas que cuestionan un modelo de desenvolvemento que prioriza grandes investimentos e intereses externos, sen resolver problemas estruturais da poboación local.

Xunto a este proxecto, analízanse outros exemplos de expansión turística en zonas con escaseza de auga, o que agrava a presión sobre os recursos naturais. Estas dinámicas interprétanse como parte dun modelo extractivista que antepón o beneficio económico á sostibilidade e ao benestar da veciñanza.

A idea central que percorre o documental resúmese na frase: “Sentímonos estranxeiras na nosa propia terra”.

Tras a súa estrea nas Palmas de Gran Canaria, a peza iniciou un percorrido por diversas localidades do Estado Español. Estas exhibicións concíbense como espazos de debate e encontro comunitario, co obxectivo de converter o documental nunha ferramenta de organización social e concienciación cidadá nun contexto de crecente mobilización contra o modelo turístico dominante.

Fontes