Este texto forma parte dos contidos que terá o primeiro libro de ECOAR))) e que sairá á venda a finais do presente ano 2026. Gañar o relato”! Manual para combater o discurso de ultradereita.
Como se viu anteriormente a ultradereita é un conglomerado heteroxéneo en constante cambio formado por movementos de diferente carácter (neofascismo, Alt-right, Nouvelle Droite, Old Right, Q-Anon, neopatriotismo, ecofascismo, aceleracionismo de extrema dereita…) que teñen en común o seu rexeitamento e hostilidade cara á democracia liberal, un fondo ultranacionalismo e un discurso anti-establishment. Se ben a totalidade dos grupos de ultradereita “tocan” varias (ou todas!) das características establecidas para o fascismo por Umberto Eco no libro Ur-fascismo publicado en 1995. Esas características marcan a base do marco e do relato da ultradereita ao tempo que configuran a esencia do seu discurso.
Así pois a características marcadas por Umberto Eco son:
-
O culto á tradición. Débese recuperar o pasado glorioso e puro, mesturándoo con mitos sen preocuparse polas contradicións. Calquera novidade é vista como unha traizón a esa suposta esencia perdida.
-
Rexeitamento do modernismo. Desprézanse a Ilustración, a razón e o progreso social por consideralos decadentes. Se ben, admíranse os avances tecnolóxicos que serven para controlar e facer propaganda.
-
Culto á acción pola acción. Actuar sen pensar é un valor; a reflexión e a dúbida son vistas como debilidades propias de covardes. O importante é moverse, aínda que non se saiba moi ben cara a onde.
-
O desacordo é traizón. Calquera crítica, interna ou externa, e o pensamento analítico son percibidos como unha ameaza para a unidade sagrada e a verdade absoluta do movemento. Así pois elimínase calquera espazo para o debate, a crítica ou a autocrítica.
-
Medo á diferenza. Necesítase un inimigo, externo ou interno (inmigrantes, minorías, disidentes), para xustificar a represión, facendo da persecución política, o racismo e a xenofobia uns elementos centrais. Quen é diferente percíbese como unha ameaza directa á identidade nacional.
-
Apelación á frustración social. Diríxese principalmente á clase media, tanto á empobrecida como á que se sente humillada ou a que se sente presionada por grupos sociais que considera máis baixos, ofrecéndolle chivos expiatorios. Utiliza o resentimento para canalizar a ira cara a quen supostamente lle arrebatou o “seu” lugar.
-
Obsesión cunha conspiración. Xs seguidorxs deben sentirse asediadxs por unha conspiración de grupos ocultos (xudeus, comunistas, globalistas…), a miúdo de carácter internacional, que tecen un complot para debilitar a patria e/ou a identidade nacional. Esta narrativa xustifica medidas extremas para “defenderse” dese inimigo invisible.
-
O inimigo é á vez forte e débil. Mediante un xogo retórico, o inimigo preséntase como superpoderoso para xustificar a loita, pero tamén como vulnerable para asegurar que a vitoria é inevitable. Unha contradición que busca configurar un relato mobilizador coa violencia no centro.
-
A vida é guerra permanente. O pacifismo e a tolerancia considéranse traizóns, colaboracionismo co inimigo; a loita constante é presentada como a esencia da vida. A guerra, real ou metafórica, purifica e enaltece ao pobo.
-
Desprezo polas persoas débiles. Configúrase un elitismo que glorifica a forza, a dureza e a competitividade, mentres se menospreza a compaixón, a febleza ou a vulnerabilidade. As persoas enfermas, pobres ou anciás son vistas como un lastre para a grandeza nacional.
-
Educación para a heroicidade. O heroísmo é a norma. Glorifícase o sacrificio persoal e a morte pola causa nacional como os máximos valores. A vida cotiá convértese nunha constante proba de lealdade e coraxe.
-
Machismo e armamento. Exáltase unha masculinidade agresiva e militarizada, desprezando o feminino e a diversidade sexual. As armas e a virilidade convértense en símbolos de poder e pureza.
-
Populismo selectivo. Reivindícase como a “voz do pobo” para atacar os parlamentos e os partidos, ao tempo que só escoita a aquelas persoas que o apoian. Rexeita a democracia representativa por considerala corrupta e afastada da verdadeira cidadanía.
-
A “Newspeak” (novalengua). Usa un vocabulario empobrecido, unha sintaxe simple, slogans repetitivos e frases feitas para limitar a capacidade de razoamento crítico e complexo. Ao reducir a capacidade de expresar matices, limita tamén a posibilidade de discrepar.