Gañar o relato! Manual para combater o discurso de ultradereita. (III). Cal é a psicoloxía das persoas de Ultradereita?
with Non hai comentarios

Este texto forma parte dos contidos que terá o primeiro libro de ECOAR))) e que sairá á venda a finais do presente ano 2026. Gañar o relato”! Manual para combater o discurso de ultradereita.

A ultradereita é máis ca unha ideoloxía política. Detrás dos seus discursos, símbolos e rituais, existe unha estrutura psicolóxica profunda que conecta as vulnerabilidades individuais coas dinámicas colectivas. Comprender este perfil non é un proceso teórico senón un elemento central para poder facer fronte ao seu discurso.

Tecer un retrato coherente e multidimensional das persoas da ultradereita farase aquí apoiándose de novo na literatura que serviu para definir a psicoloxía fascista, xa que a base psico-emocional é a mesma pois baséase nunha fraxilidade organizada, unha personalidade que proxecta cara ao exterior a súa incapacidade para soportar a complexidade e a incerteza.

A persoa de ultradereita entón non é forte: é fráxil. A súa aparente dureza, agresividade e/ou seguridade son unicamente unha defensa contra fondas vulnerabilidades. A súa necesidade de orde, pureza e autoridade non fai máis que reflectir unha enorme incapacidade para soportar e xestionar a complexidade, a incerteza e a diferenza. Así a persoa con esta posición non nace cunha ollada da realidade ultradereitista, simplemente é unha persoa que se sente ameazada. Séntese insegura e fráxil no plano da identidade, polo que se autopercibe como susceptible de ser erosionada ou modificada por forzas externas. Esa percepción de vulnerabilidade, ás veces real, ás veces imaxinada, activa a procura de procesos ou persoas capaces de “protexer” a identidade colectiva e “ordenar” a sociedade mesma.

Así pois as características psicolóxicas esenciais das persoas de ultradereita pódense definir ao redor de 5 dimensións:

Dimensión Cognitiva

O pensamento ultradereitista, como sucede co pensamento relixioso ou máxico, caracterízase por unha simplificación extrema da realidade. Opera mediante categorías binarias e excluíntes: ben/mal, puro/impuro, amigo/inimigo… Esta visión elimina matices e complexidades, ofrecendo un mundo controlable, claro e predicíbel. Calquera situación que escape ao seu esquema é vivida de xeito ameazante e angustiante posto que o seu perfil caracterízase pola baixa tolerancia á ambigüidade.

Seguindo esta mesma liña de busca do afastamento da incerteza aparece outra peza clave: o anti-intelectualismo. Desconfíase das persoas expertas, científicas e académicas porque o coñecemento crítico, os feitos e as explicacións complexas afastan á persoa da construción narrativa simplista. A outra cara da mesma moeda son as teorías da conspiración pois ofrecen explicacións sinxelas para problemas complexos, atribuíndo os “males” ou “problemas” a grupos reducidos (ás veces ocultos, ás veces non) que atacan, agreden ou conspiran contra o “pobo”. Deste xeito, a persoa consegue que o mundo se faga comprensible e controlable, aínda que sexa a través dunha “ficción”.

Dimensión Emocional

A emoción fundamental que move á persoa de ultradereita é a ansiedade perante a complexidade. A diversidade cultural, os cambios sociais, as explicacións teóricas elaboradas ou a incerteza do futuro xeran unha inseguridade e un malestar profundos. Esta anguria atopa alivio na nostalxia, nas narrativas “pechadas” que miran cara a “atrás”, que idealizan un pasado mítico no que a orde e a identidade do grupo eran supostamente incuestionables.

A persoa de ultradereita experimenta un medo intenso a todo aquilo que é diferente. A “outredade” (inmigrante, disidente, LGTBIQ+…) percíbea como unha ameaza directa á identidade e á supervivencia mesma do grupo. Esta percepción de ameaza xustifica a agresividade e a exclusión contra todas aquelas persoas ou colectivos que non sigan o “camiño que se debe” e que adoita xustificarse con adxectivos como “normal” e “natural”.

A necesidade de certeza é case “patolóxica”, pois o contrario implica un incremento do medo e a inseguridade, e se por algo se caracteriza este perfil é por unha baixa capacidade de xestión e tolerancia á frustración. A dúbida, a ambivalencia e a complexidade emocional son insoportables. Poderíase dicir que ideoloxía de ultradereita funciona como unha especie de “ansiolítico”, pois ofrece respostas absolutas e pechadas, ao tempo brinda unha narrativa coherente que contrarresta e elimina a anguria da incerteza.

Dimensión Relacional

Como no resto de dimensións, a necesidade de seguridade e eliminación de incerteza provoca que a persoa de ultradereita sexa unha persoa gregaria cunha relación de submisión incondicional á autoridade. O líder é idealizado como infalible, e ademais custodia a verdade de xeito absoluto e encarna á nación mesma. Por iso x ultradereitista non só respecta ao líder, senón que o idolatra, e está dispostx a defender calquera das súas accións sen cuestionamento.

A empatía é altamente selectiva pois só se recoñecen as emocións, e a humanidade mesma, das persoas que forman parte do grupo propio. O resto de persoas vense a través de estereotipos e prexuízos e son deshumanizadas ou convertidas en bestas, polo que se elimina a ambivalencia moral e permite empregar a violencia sen ningún tipo de remordemento nin límite.

A concepción binaria da realidade fai que a persoa de ultradereita dependa de construción dun inimigo para existir. Na súa percepción, sen un “elxs” que ameace, o “nós” perde a súa razón de ser. O inimigo cumpre funcións esenciais: dá sentido á identidade colectiva, xustifica a agresión como autodefensa e, sobre todo, externaliza a responsabilidade e evita a autocrítica e o pensamento introspectivo. Culpar ao outro é máis fácil que enfrontarse ás propias carencias e a procesos de análise fonda.

Dimensión Condutual

Para a persoa de ultradereita a violencia é glorificada como unha expresión lexítima e necesaria. Ademais de ser un instrumento cultural e político de control social, a violencia tamén é unha válvula de escape a través da que canalizar a ira, a frustración e o resentimento amoreados. A agresión outorga unha identidade (“son forte porque podo destruír”) reforzando o sentimento de pertenza ao grupo, ao tempo que se defende a este (“teño que ser violento con quen intenta agredirnos”). Este patrón de comportamento non fai máis que reflectir as dificultades que ten na regulación emocional e a tendencia a externalizar o malestar cara a grupos considerados inimigos.

Intrinsecamente relacionada coa violencia está a obsesión pola pureza que se manifesta a través de políticas de exclusión racial, cultural e moral. O medo á “contaminación” da sociedade por elementos estraños (físicos, culturais, morais…) xustifica o control, a represión e mesmo a eliminación. Nese contexto é o líder quen promete restaurar a orde eliminando esas ameazas percibidas, ofrecendo unha sensación de control e seguridade que compensa a vulnerabilidade interna.

Dimensión Estrutural

Como expuxo Bataille sobre o fascismo, a ultradereita articula unha alianza entre forzas heteroxéneas e homoxéneas. A sociedade homoxénea é a produtiva, baseada na utilidade, a racionalidade e o diñeiro, que resolve todo a través de normas e acordos. Por outra banda están as forzas heteroxéneas que son as que a sociedade moderna reprime (violencia, irracionalidade, pulsións e defensa do sagrado).

Esta alianza entre forzas heteroxéneas e homoxéneas que configura a ultradereita serve ao Estado para construír unha autoridade incondicional situada por enriba da utilidade e da razón. O rexeitamento da racionalidade e da utilidade como valores supremos, substitúese pola exaltación da forza, a vontade e a soberanía. É unha forma de poder que usa a forza irracional da masa (que toda sociedade reprime), pona ao servizo do Estado (que configura unha orde homoxénea) a través dunha autoridade absoluta (que non necesita xustificación) e acaba destruíndoo todo (porque non ten freos internos).