Cando as rúas volven respirar: do crecemento reaccionario á contraofensiva da esquerda (I)
with Non hai comentarios

Na última década, a política global estivo marcada por unha marea reaccionaria que, aproveitando o cansanzo do ciclo progresista posterior á crise do 2008, o desgaste institucional, o malestar económico e a manipulación derivadas das novas tecnoloxías, avanzou sobre os dereitos sociais e a democracia. Con todo, os acontecementos recentes deste 2026 (dende as urnas ata as rúas) parecen empezar a debuxar un cambio de ciclo que xa se empezaba a ver puntualmente dende finais do 2024. As dinámicas sociais que facían que as posicións de dereita e extrema dereita avanzasen comezan a contrarrestarse e a dar síntomas de desgaste.

Este novo escenario non xorde da nada. É a resposta social á ofensiva reaccionaria que seguiu ao ciclo progresista de 2011-2015. Aquel período caracterizado pola esperanza, as conquistas sociais e a aparición de novas formas de loita, foi sucedido por unha década de recortes, xiros autoritarios e a chegada ao poder dunha dereita radicalizada que fixo da desigualdade e da confrontación a súa ferramenta de goberno. Hoxe, a acumulación de tensión social e a aposta por políticas que incrementan claramente as disigualdades sociais están a provocar un novo envorcamento nas posicións políticas.

Ademais as urnas parece que comezan a deixar albiscar un crecente debilitamento dos líderes reaccionarios que se traduce no que semella ser un xiro á esquerda neste final de ano 2026. O pasado mes de outubro, o mundo asistiu a dúas victorias de profundo significado. En Brasil, Luiz Inácio “Lula” da Silva protagonizou unha remontada inédita, impoñéndose na balotaxe a Flávio Bolsonaro cun 51,79% dos votos. Esta vitoria non só freou a onda de gobernos de ultradereita afíns a Washington na rexión durante os últimos anos, senón que demostrou que a mobilización popular e a defensa dos programas sociais seguen a ser maioría fronte ao discurso do odio. Por outra banda en Serbia, a “Lista dos Estudantes” acadou unha vitoria esmagadora cun 52,71% dos votos, pondo fin a anos de dominio do partido de Aleksandar Vučić e demostrando que as protestas cidadás poden traducirse en cambio institucional.

Do outro lado do taboleiro, os líderes reaccionarios amosan signos evidentes de esgotamento. En Israel, aínda que os bloques maioritarios que poden chegar a gobernar seguen a apostar polo xenocidio, Netanyahu sae das recentes eleccións en Israel cunha posición de coalición debilitada. En Estados Unidos, Trump cae a mínimos históricos cunha aprobación do 32% e unha desaprobación do 66%, mentres os republicanos ven como mingua o seu poder institucional tras un durísimo resultado electoral o pasado 3 de novembro nas Midterms onde perderon as dúas cámaras como consecuencia do malestar pola represión, a inflación e o custo de vida. En Ucraína, Zelenski enfronta unha crise de lexitimidade interna: a súa confianza caeu ao 58% e só o 28% dos ucraínos quere que permaneza no poder tras a guerra, mentres os seus aliados occidentais comezan a recoñecer que a recuperación territorial completa é inviable. En Marrocos, Mohamed VI acumula ausencias, rumores de transición e un malestar social profundo, exemplificado pola represión do movemento GenZ212 (con miles de detidos) e a frustración xuvenil que estourou coas avalanchas en Ceuta.