Camp in Gas é unha acampada que terá lugar en Bajouca (Leiria, Portugal), dos días 17 a 21 de xullo de 2019, na cal participará ECOAR))). O obxectivo é facer unha acción masiva no terreo onde está previsto o inicio de próximas prospeccións na procura de gas. Con esta acción diremos NON á prospección e exploración de gas e berraremos cunha soa voz por un planeta libre de extracción de combustibles fósiles.
A ciencia dinos que o clima non pode aturar máis infraestruturas de combustibles fósiles, porque as que xa existen son de abondo para exceder o punto sen retorno da crise climática. Para manter o aumento da temperatura do planeta por debaixo dos 1,5ºC, debemos reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro en máis do 40% de aquí ao 2030. Así que investir en gas fósil é investir na continuidade do planeta cara a unha climatoloxía caótica.
Así pois, esta acción de carácter público que terá lugar o día 20 de xullo, e que contará cunha formación en acción directa non-violenta o día 19, desenvolverase de maneira pacífica, sen comprometer a seguridade de activistas, traballadorxs e policías. As persoas que desexen participar deberán presentarse no campamento o día 18, cando se exporá o plan de acción e as pautas xerais de actuación.
A orixe do Camp in Gas remóntase a 2015 tras a sinatura de 15 concesións para extraer combustibles fósiles en Portugal, o cal deu lugar ao nacemento por todo o país de grupos e movementos contrarios. Dende entón, foron canceladas xa 13 das 15 concesións. Agora quedan só 2 concesións por derrubar. Entre todxs, temos que paralizar os novos proxectos de extracción de combustibles fósiles e loitar por unha rápida transición cara ás enerxías renovables. En todo o mundo xorden accións e movementos deste tipo, porque só a presión social masiva pode obrigar aos e ás poderosxs a facer o que deben polo ben de todxs.
Máis información:
Interésache:
ENDE GELÄNDE: A URXENCIA DA FIN DAS ENERXÍAS FÓSILES
One Response
CAMP IN GÁS: UN NOVO PASO CARA Á ESCALADA DE ACCIÓN - EN ACCIÓN)))
[…] ECOAR))) PARTICIPA NO VINDEIRO CAMP IN GAS […]