COP25: UNHA NOVA OPORTUNIDADE PERDIDA

with Non hai comentarios

O pasado 15 de Decembro, tras unha prórroga de 2 días, fechou a XXV Conferencia dos países membros da Convención-Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP25) que resultou ser, unha vez máis, unha oportunidade perdida para atallar o problema climático actual. Acadouse, tras unhas duras negociacións, un acordo de mínimos para salvar o Acordo de París, que non responde ás demandas expostas pola sociedade civil e a comunidade científica.

O documento aprobado in extremis co nome de “Chile-Madrid, tempo de actuar” salva á COP25 do fracaso absoluto. O texto recalca “a necesidade urxente de manter o  aumento da temperatura media global a moi por debaixo de 2°C por  encima dos niveis pre-industriais” e  fala de “realizar esforzos para limitar o aumento de temperatura a 1,5ºC”. Nembargantes o texto segue sen concretar medidas reais e simplemente anima aos países a presentar compromisos renovados á alza no 2020, antes do Cumio de Glasgow. Neste Cumio, só 84 países comprometéronse a presentar plans máis drásticos contra as emisións de cara a 2020.  Sendo, xigantes como EEUU, China, Rusia ou India os principais bloqueadores á hora de avanzar o compromiso para recortar os niveis de contaminación.

Entre os principais escollos para chegar a un acordo, atopábase o famoso artigo 6 do Acordo de París, instrumento que servirá para regular os futuros mercados de carbono globais. A cuestión principal era como contabilizar e xestionar eses mercados, dunha maneira que evite dobres contabilidades ou desniveis entre os países. Varios países negáronse a aprobar ningún acordo sobre este artigo sen ter garantidas contrapartidas en forma de financiamento .

Nun contexto de morneza  para afrontar un problema global e urxente, conseguíronse avances nalgunhas materias. O acordo crea, por vez primeira ferramentas para que unha parte do presuposto do Fondo Verde poida ir destinado a dar solución aos danos materiais e económicos que teñen a súa orixe nos fenómenos climáticos extremos, nos países máis vulnerables. O Fondo de Adaptación logrou mobilizar un total de 89 millóns de dólares durante este Cumio, o cal queda lonxe do obxectivo marcado de 100.000 dólares por ano. Ademáis, como novidade, incluíuse un Plan de Acción de Xénero para que os países inclúan a variable do xénero nas súas políticas climáticas.

A COP25 será lembrada non polas súas negociacións, senón polo escaparate que foi para as tranasnacionais e, sobre todo, para aquelas ligadas aos combustibles fósiles. Dende a sociedade civil denunciamos que entidades como Iberdrola, Endesa, Volkswagen ou o Banco Santander (unha das entidades financeiras do mundo que máis financia o carbón) fixesen uso do Cumio para lavar de verde a súa imaxe. As últimas dúas semanas amosaron a brecha que existe entre os poderes fácticos e a sociedade civil despois de que a ONU expulsase do IFEMA a un centenar de observadorxs, por ter organizado unha protesta, o pasado mércores 11. Fronte á continua presencia dxs empresarixs a poboación tivo escasa ou nula presencia no Cumio oficialista.

Como sociedade civil organizada, amosámoslle ao oficialismo a nosa resposta política e social fronte á axenda oficial do Cumio. Ao longo de máis de 350 actividades e grazas á participación de máis de 300 organizacións de diversa índole, denunciamos como a COP25 dilatará aínda máis os tempos para acadar novos compromisos que resulten en medidas reais para o mantemento  da temperatura global por baixo dos 1,5ºC.

Máis información:

Cumio Social Polo Clima

COP25

Interésache:

COP25: MARCHA POLO CLIMA ARRINCA O CUMIO SOCIAL

COP25: SALVAR O ACORDO DE PARÍS

COP25: PROTEXER A BIODIVERSIDADE ANTE A CATÁSTROFE CLIMÁTICA