COP25: SALVAR O ACORDO DE PARÍS

with Non hai comentarios

O pasado 2 de Decembro arrincou o Cumio do Clima (COP25). Co obxectivo de acadar un escenario de mitigación global, xs líderes mundiais reúnense nun cumio esencial para manter por debaixo dos 1,5º C a subida de temperatura do planeta. É a derradeira reunión para salvar o Acordo de París previsto para aplicarse en 2020.

O cumio, finalmente ten lugar en Madrid do 2 ao 13 de Decembro, posto que Chile renunciou, debido ás protestas sociais que enfronta o executivo de Piñera ao longo de todo o país. O IFEMA reunirá a 50 xefxs de estado ou de goberno en reunións multilaterais, que a pesar do seu carácter non vinculante, serven para medir o pulso de cada Estado na loita contra o cambio climático e acadar consensos mínimos.

Os puntos centrais do cumio nesta ocasión serán: Integridade ambiental, onde a transparencia será un elemento clave á hora de fixar unhas regras para o mercado global de carbono, baixo a premisa de que quen máis contamina, máis paga. Compromisos Nacionais de Reducións (NDC): cada país presentará os seus propios libros de acción climática para conseguir atenuar as emisións de gases de efecto invernadoiro. Falarase dos fondos a aportar ou os compromisos para descarbonizar a economía. O último foco de importancia será o Fondo Verde para o Clima; a idea é que o fondo conte cunha financiación de 100.000 millóns de dólares enfocados a loitar contra a emerxencia climática e limar as diferencias entre países. Actualmente atópase nun déficit de aportacións pola escasa participación de países como EE.UU. (que anunciou recentemente a súa saída do Acordo de París) ou Australia.

Tendo presente a falta de compromiso por parte dos gobernos nun cumio oficialista patrocinado por grandes contaminadoras como Endesa, Iberdrola, Iberia… a sociedade civil contestaremos á COP25 cun Cumio Social, que terá lugar en Madrid e que foi organizado en tempo récord. Arrincará coa Marcha Polo Clima o día 6 de Decembro, á que sucederá un calendario repleto de palestras e accións descentralizadas coas que continuará o día 7 de Decembro. Algunhas destas palestras terán lugar na Universidade Complutense de Madrid e na antiga sede de UXT.

O contracumio de carácter internacional, ademáis de repasar os problemas dende ópticas diversas como a latinoamericana, africana ou de zonas como o Curdistán, tamén terá a súa replica nun Chile azotado pola represión policial co Cumio dos Pobos que arrincou o pasado día 2 e pechará o 7 de Decembro, e fará unha análise enfocada en mudar o actual sistema neoliberal cara a outros modelos xustos, sostibles e respectuosos coa vida e o planeta. Non queremos esquecernos de facer unha condena tallante e esiximos o cese inmediato da violación de dereitos humanos en Chile. Seguiremos informando ao longo de esta semana de loita climática. Salvemos a Terra, mudemos o sistema!