COP25: MARCHA POLO CLIMA ARRINCA O CUMIO SOCIAL

with 1 comentario

O pasado día 6 de Decembro arrincaba a Marcha Polo Clima na que milleiros de persoas de todas as partes do mundo, percorremos as rúas de Madrid para esixir xustiza climática, dando así luz verde ao Cumio Social polo Clima, un evento no que están programados máis de 300 actos de diversa indóle polas diversas organizacións que participamos no tamén chamado Cumio dos Pobos.

A marcha convocada por Fridays for Future, Alianza por el Clima, Alianza por la Emergencia  Climática, 2020 Rebelión por el Clima, Cumbre de los Pueblos, Sociedad  Civil por la Acción Climática (SCAC) e Minga Indígena, percorreu a cidade de Madrid entonando lemas como Que queremos? Xustiza climática. Cando a queremos? Xa!” ou Nin un grao máis, nin unha especie menos”. Ao mesmo tempo, ao longo do globo, tiñan lugar réplicas da marcha en cidades tan alonxadas como París ou Santiago de Chile.

Nun contexto no que a COP se transforma nun mero escaparate de greenwashing para as corporacións do IBEX, entre as que se atopan algunhas das empresas máis contaminantes do estado español —ENDESA é culpable por exemplo do 9% das emisións de CO2—, e perante a falta de medidas e acordos, a sociedade civil organizada saímos ás rúas a amosarlles aos grandes poderes fácticos cal é a dirección a seguir para porlle freo ao cambio climático e esixir acción real até acadar a xustiza climática .

ECOAR))) estivemos alí e formamos parte dos diversos actos que tiveron lugar no Cumio Social polo Clima. Na Universidade Complutense de Madrid tiveron lugar palestras como: “Don’t hate the media. Be the media”, onde colectivos como Urbana ou Indymedia expuxeron brevemente a historia do proxecto de periodismo cidadán Indymedia, pasando polas experiencias de Seattle e Xénova, até o 15M. Outra, que se centrou en sinalar a hipocrisía das transnacionais patrocinadoras da COP25, titulábase “El IBEX patrocina el cambio climático”, da man neste caso do Observatorio de multinacionales en América Latina, Corporate Europe Observatory e Ecologistas en Acción. Outras centráronse máis na análise de situacións concretas, como as migracións forzosas, ou o contexto no Reino Unido de cara a organizar a contestación á COP26, que terá lugar na cidade escocesa de Glasgow.

Ás sete da tarde tivo lugar a Asemblea Plenaria, onde nos puxemos ao día de todo o que acontecerá nesta segunda xornada do cumio. Nela puidemos escoitar voces moi diversas de todas as partes do globo, que nos achegaron diversos enfoques e sensibilidades dun problema que é global. Por último e tras os concertos que serviron para amenizar o fin da xornada —a cargo de Birch, De Mar a Mar e Swing Disorder—, xs activistas de ECOAR))) desprazámonos até os arredores de Nuevos Ministerios para pegar 7 cartaces simulando unha autoestrada dirixida ao colapso ecolóxico a 11 anos, e unha saída cara á xustiza climática que ten que ser xa! Seguiremos informando para ver cales son as conclusións nos próximos días. Seguide atentxs!

Máis información:

Cumio Social Polo Clima

COP25

Interésache:

COP25: SALVAR O ACORDO DE PARÍS

COP25: PROTEXER A BIODIVERSIDADE ANTE A CATÁSTROFE CLIMÁTICA

EMERXENCIA CLIMÁTICA: O MUNDO MOBILÍZASE

One Response

  1. […] COP25: MARCHA POLO CLIMA ARRINCA O CUMIO SOCIAL […]