Os sete de Chicago: un xuízo contra a protesta
No verán de 1968, os Estados Unidos de América acolleron numerosas protestas contra a guerra de Vietnam que foron fortemente reprimidas. Algunhas sucederon en Chicago no mes de agosto, no marco da convención do Partido Demócrata para elixir a un novo candidato. Martin Luther King e Robert Kennedy foran asasinados e milleiros de manifestantes saían ás rúas para esixir a retirada das tropas norteamericanas de Viernam.
A resposta policial deixou centos de feridos e un 600 detidos. O conservador goberno de Richard Nixon, coa súa promesa de “lei e orde”, decidiu dar un exemplo e acusou oito activistas. Co obxectivo de criminalizar a protesta, foron acusados baixo a nova Lei Antidisturbios de 1968.
Os entón denominados “Oito de Chicago” representaban unha ampla coalición da disidencia. Entre eles estaban os líderes estudantís Tom Hayden e Rennie Davis, os fundadores do movemento “Yippie” Abbie Hoffman e Jerry Rubin, o veterano pacifista David Dellinger, e o líder dos Black Panthers Bobby Seale. O xuízo contra este último sería posteriormente declarado nulo pola fiscalía, ante as flagrantes vexacións e trato parcial por parte do xuíz, negándolle a defensa e chegando incluso a dar orde de que fose atado á cadeira.
Numerosas personalidades públicas do momento foron chamadas como testemuñas, convocando manifestacións e espallando diversas ideas antiautoritarias e antirrepresivas. Foi un proceso mediático que chamou a atención dos medios de comunicación da época e co que moitas persoas empatizaron.
Os sete acusados resultaron non culpables, quedando dous deles completamente absoltos. Máis tarde, o proceso foi declarado nulo e as penas foron revocadas. A importancia histórica do caso reside nesta anulación pola parcialidade e hostilidade do xuíz.
O proceso converteuse así nun símbolo da loita pola liberdade de expresión, demostrando que, malia os abusos de poder, ás veces a xustiza podía acabar impoñéndose.