Enténdese por sabotaxe a destrución deliberada de bens materiais ou a diminución intencionada do rendemento laboral co propósito de prexudicar unha empresa, un sistema económico ou unha estrutura de poder. A orixe da palabra, que se relaciona cunha folga de ferroviarios na Francia do ano 1910, que bloqueaban as vías do tren, apunta xa ao seu vínculo coa loita laboral. Foi empregada tamén polos luditas, traballadores téxtiles de Nottingham en campañas contra a maquinaria que substituía a súa forza de traballo.
A historia da sabotaxe como estratexia de resistencia organizada remóntase ao movemento obreiro de comezos do século XX. Os Traballadores Industriais do Mundo (IWW) definírona como a “retirada colectiva de eficiencia” no punto de produción, unha táctica que consistía en diminuír o ritmo de traballo ou realizar as tarefas de xeito deliberadamente ineficiente. Durante a Segunda Guerra Mundial, a Resisténce de Ferre, ferroviarios franceses co apoio do Executivo de Operacións Especiais británico, converteu a sabotaxe de vías, pontes e fábricas nunha ferramenta clave para atrasar o esforzo de guerra alemán. Tamén foi posible ver proxectís saboteados por obreiros de fábricas de armas na Guerra Civil española, nos que inscribían mensaxes de solidariedade.
Un exemplo tamén paradigmático é o da loita contra o apartheid en Suráfrica por parte de Umkhonto we Sizwe, ou “a lanza da nación” en galego, cando despois da masacre de Sharpeville, Nelson Mandela e outros líderes concluíron que a vía non violenta estaba esgotada. Nas palabras do propio Mandela, a sabotaxe “non implicaba perda de vidas e ofrecía a mellor esperanza para as futuras relacións raciais”.
Coa evolución dos movementos sociais, xurdiron novas modalidades. A ecosabotaxe ou “monkeywrenching” (de chave inglesa, en inglés), inspirada na novela The Monkey Wrench Gang, foi adoptada por grupos como Earth First! nos anos 80. As súas accións incluían a inutilización de maquinaria de tala ou a introdución de puntas metálicas en árbores para impedir a súa explotación comercial. Estas accións serían unha forma de resistencia contra a destrución ecolóxica.
Na actualidade, a sabotaxe segue a ser unha ferramenta de acción directa para diversos movementos. Algúns exemplos son Shut the System, que realiza accións de sabotaxe contra infraestruturas e persoal de empresas que consideran cómplices da crise climática, como vandalizar oficinas de Barclays ou cortar cables de fibra óptica de aseguradoras; ou Palestine Action, que leva a cabo accións directas contra empresas vinculadas ao xenocidio israelí sobre a poboación palestina, como a defensa israelí Elbit Systems. No Estado Español, plataformas antituristificación defenden as sabotaxes de baixa intensidade, como pintadas ou o bloqueo de pechaduras, como ferramentas lexítimas de mobilización social. Estes exemplos evidencian que, aínda que as técnicas e os obxectivos mudaron, a sabotaxe persiste como unha estratexia de confrontación que busca impor un custo a aqueles que exercen o poder.
Así, a sabotaxe é unha forma de acción directa que busca exercer presión desde abaixo, en contraste coa acción política tradicional ou a negociación por medio de representantes. Trátase dunha ferramenta de resposta ante situacións nas que os cambios por cauces oficiais, obedecendo a leis inxustas, non prosperan, polo que se entenderían esgotadas outras vías.
Deste xeito cabe destacar que soe ser pertinente a acugulación de lexitimidade social previa, de xeito que poida ser comprendida a xustificación dos medios.
Para a militancia e os movementos sociais, a sabotaxe segue sendo unha ferramenta complexa e controvertida. Desde a “retirada de eficiencia” dos traballadores do IGM ata os ciberataques e a sabotaxe de infraestruturas dos grupos actuais, a súa esencia permanece: impor unha consecuencia a actores de poder que, doutro xeito, son indiferentes ao dano que causan.
É en definitiva un proceso empoderante, que pode devolver dignidade e esperanza fronte á derrota cando outras vías semellan inútiles. Amosa que o rival, o sistema, é vulnerable, que o poder é, en última instancia, loxístico, polo que será posible bloquealo.