O 4 de maio de 1970, a Garda Nacional de Ohio abriu fogo durante trece segundos contra unha manifestación pacífica contra a invasión estadounidense de Camboxa na Universidade Estatal de Kent. A coñecida como Masacre de Kent saldouse con catro estudantes falecidxs e outrxs nove resultaron feridxs. A masacre desenvolveuse baixo a presidencia de Richard Nixon e provocou unha vaga de folgas estudantís que forzaron o peche de centos de universidades en todo o país. A indignación popular foi inmediata e a resposta social e artística non se fixo esperar.
Neste contexto de conmoción, Neil Young compuxo “Ohio” tras ver as imaxes da masacre na revista “Life”. O músico, que se atopaba en California do Norte co seu compañeiro David Crosby, colleu a guitarra, retirouse e regresou unhas horas despois coa canción completa. A letra, directa e sen concesións, denuncia a violencia estatal: “Tin soldiers and Nixon coming, we’re finally on our own, […] Four dead in Ohio” (Soldadiños de chumbo e Nixon están achegándose, estamos finalmente pola nosa conta, […] Catro mortos en Ohio) .
Crosby, Stills, Nash & Young gravaron o tema o 21 de maio de 1970 no estudio Record Plant de Hollywood, tan só uns días despois da traxedia. A urxencia era máxima: o grupo decidiu publicar o sinxelo de inmediato, a pesar de que o seu outro tema “Teach Your Children” se atopaba en plena escalada nas listas de éxitos, pois sentían que tiñan que non podían ficar en silencio perante ese tráxico suceso.
O impacto da canción foi inmediato e masivo. “Ohio” acadou boas posicións nas listaxes musicais e converteuse nun himno do movemento contra a guerra. Con todo, a súa recepción non estivo exenta de polémica. O presidente, que cualificara xs manifestantes de “vándalxs”, manifestou o seu enfado coa canción e numerosas emisoras de radio AM, especialmente no estado de Ohio, prohibiron a súa difusión por desafiar directamente a administración Nixon.
A pesar da censura, “Ohio” atopou o seu espazo nas emisoras de radio FM universitarias e subterráneas, converténdose nun símbolo da contracultura. A súa influencia transcendeu a música: a canción inmortalizou a memoria de Allison Krause, Jeffrey Miller, Sandra Scheuer e William Schroeder, xs catro estudantes falecidxs, e contribuíu a manter vivo o movemento que esixía responsabilidade política nun momento de profunda polarización social.
Medio século despois, “Ohio” segue a resoar con forza. O tema experimentou un rexurdimento en 2024, cando manifestantes propalestinos en campus universitarios estadounidenses recuperaron a canción como símbolo de protesta. A súa mensaxe, tan desgarradora como actual, continúa a lembrar o custo humano das decisións políticas así como a necesidade de actuar e alzar a voz contra a inxustiza.