Voltamos dirixir as nosas miradas a un lugar que xa coñecemos anteriormente: o Bosque de Hambach. Estes días está a producirse unha batalla na que por un lado atópase a poderosa compañía enerxética RWE, que ten un interese particular na explotación do lignito na zona, e polo outro lado veciñxs e ecoloxistas que defenden o dereito do bosque a existir e, polo tanto, toda a súa biodiversidade.
RWE argumenta que conta co permiso legal de talar, e que a súa actividade está respaldada polo goberno rexional formado por conservadorxs (CDU) e liberais (FDP). O consorcio quere extraer o carbón debaixo do bosque. Tanto o goberno rexional de Renania do Norte-Westfalia (NRW), como todos os partidos, agás Os Verdes e Die Linke, respaldan á poderosa compañía extractora de carbón. O partido ecoloxista, residentes e ambientalistas piden unha moratoria na tala do bosque até Decembro, cando se coñecerán os resultados dun estudo encargado polo goberno federal de Alemaña. O estudo deseña un plan de abandono progresivo do uso do carbón válido para todo Alemaña.
A compañía RWE non quere renunciar aos seus intereses en Hambach. Para iso valeuse da súa alianza co goberno rexional, que está levando nestes momentos un desaloxo e derrubamento das casas nas árbores que xs activistas de Hambach construíron para resistir, alegando supostas medidas de seguridade. Esta operación policial, que conta con 3.500 axentes, é a maior na historia de Renania do Norte-Westfalia.
Este movemento non quedou sen contestación e numerosas organizacións convocaron manifestacións ao longo de todo o país. Así mesmo, máis de 5.000 persoas desprazáronse até o Bosque de Hambach para bloquear a súa tala. Varias decenas de activistas foron arrestadxs e case un terzo das cabanas derrubadas. Por desgraza, nas últimas horas tamén morreu un dxs xornalistas que cubrían a nova ao caer dunha das pontes colgantes das árbores.
Alemaña asinou o Acordo de París e contraeu a obriga de mitigar as súas emisións de CO2 até chegar á súa neutralidade en 2050, nun momento clave para frear o cambio climático. Permitir semellante despregamento policial, que só serve para asegurar os intereses dunha das grandes empresas contaminantes do mundo como é RWE, convértese nun paso atrás ao perder no proceso un bosque de máis de 12.000 anos de idade, que contén unha ampla diversidade.
Máis información:
Comunicado trala morte do periodista. (En Castelán)
Resumo do comunicado en galego.
https://bosque.hambachforest.org/ (En Castelán)
Interésache:
PÓRLLE FREO Á CENTRAL DE NEURATH
UN DEDO AZUL PARA FREAR O CAMBIO CLIMÁTICO
O BOSQUE DE HAMBACH CONTRA RWE
One Response
SUSPENSIÓN DA TALLA DO BOSQUE DE HAMBACH - EN ACCIÓN)))
[…] no bosque, tiveran que facer un esforzo titánico para non ser desaloxadxs ante a inminente talla. O resultado foron decenas de detidxs e un xornalista morto nun accidente. A decisión fixo que o 6 de outubro houbera unha celebración que sacudiu toda […]