G20 2018: UN CUMIO PARA ESQUECER

with 1 comentario

O pasado 30 de novembro e 1 de decembro tivo lugar en Arxentina o 12º Cumio do G20 que reúne aos/ás líderes das principais economías do mundo e da Unión Europea, ademais de 14 organizacións internacionais. Á súa vez tivo lugar a Semana de Acción contra o G20 e o FMI, que transcorreu entre o 25 de novembro e o 1 de decembro, co obxectivo de denunciar as políticas neoliberais que promoven estes dous organismos.

O G20 confórmano 19 países de todos os continentes e unha representación da UE. Actualmente é o principal espazo de deliberación política e económica do mundo. En conxunto, as entidades representadas no G20, reúnen o 66 % da poboación mundial e o 85 % do produto bruto mundial. Nesta ocasión tivo lugar un cumio con amplas tensións xeopolíticas, debido á irrupción na Casa Branca de Donald Trump, cunha axenda que incluíu temas controvertidos tales como o cambio climático ou o proteccionismo comercial.

Este cumio, ao igual que o último da OMC, non deu resultados concretos. A pesar da maquillaxe mediática de vender o cumio como un éxito por parte do goberno de Arxentina, o certo é que o documento de consenso acordado in extremis non significa nada. Non se tivo en conta neste documento o debate actual de “proteccionismo vs liberalismo”, expresando unicamente que se reformará a OMC sen aclarar o como ou o cando. Por outra banda, respecto do cambio climático, salvo a excepción de Estados Unidos, o documento final reflectiu o compromiso irreversible do Acordo de París. Se ben o máis senlleiro foi o acordo dunha tregua na guerra comercial entre China e os EEUU, acadado nunha reunión bilateral entre estas dúas potencias.

Mentres xs líderes discutían a porta pechada e cunha cidade de Bos Aires cercada polas forzas policiais, con até 23.000 axentes despregadxs e cun perímetro de varios quilómetros, precedido dunha campaña de medo e arrestos poucos días antes do cumio, activistas vidxs de todas partes do mundo recalaban na cidade porteña para denunciar que as decisións tomadas neste foro van contra os Dereitos Humanos e o planeta. A través de distintas actividades como charlas, encontros, expresións artísticas, etc., as diversas organizacións e activistas debateron sobre alternativas ao sistema capitalista. O Cumio dos Pobos tivo como acto central a gran manifestación que percorreu a cidade baixo a consigna: “Fóra G20/ FMI. Polas soberanías política, ambiental, cultural e económica dos nosos pobos e os nosos corpos”.

Máis información:

No al G20 (Castelán)

G20 (Castelán)

Bilaterals

Interésache:

OMC 2017: ARRINCA O CUMIO DOS POBOS

OMC 2017: UN FRACASO DO NEOLIBERALISMO GLOBAL

 

 

One Response

  1. […] G20 2018: UN CUMIO PARA ESQUECER […]