GLOBALIZACIÓN: A CIDADE AFOGA O CAMPO

with 2 Comentarios

En todo o planeta, mais en especial nos países empobrecidos, a calidade de vida das persoas do rural empeora cada día. O modelo neoliberal impide que xs agricultorxs poidan desenvolver unha economía básica posto que esnaquiza o campo e fai inviábel a subsistencia de minifundios cultivados de forma tradicional e artesanal. Este modelo, que só entende o agro como un recurso que explotar, é unha das causas principais do cambio climático, dificultando a agricultura sustentábel, provocando a despoboación e o abandono do medio rural, ou despoxando a aquelas comunidades indíxenas ou campesiñas que queren vivir nas terras que habitaron durante moitos anos1.

A principios do século XX só o 2% da poboación mundial vivía en cidades. No ano 2000, esta porcentaxe ascendía ao 50%. E para o 2050 estímase que a porcentaxe acadará o 75%2. Cabe destacar, ademais, que para o ano 2100 segundo estimacións da ONU, a poboación total do planeta podería acadar os 12.000 millóns de persoas3. As urbes case non producen alimentos, centralizan o gasto dos Estados e da iniciativa privada en infraestruturas de todo tipo, depredan os solos, e son grandes consumidoras de enerxía e produtoras de CO24.

Como representación paradigmática do gasto enerxético desmesurado actual, as leitugas procedentes do val de Salinas (California) viaxan 5.000 km por estrada até chegar a Washington, antes do seu destino final, Londres. Para chegar á cidade estadounidense consumíronse, en forma de petróleo, 36 veces máis calorías que as que a planta contén; cando chega a Londres, este consumo foi 127 veces superior ás calorías da planta5.

Así, as cidades centralizan e representan o poder global e son asemade as maiores responsables do cambio climático e das desigualdades que estamos a padecer. O medio rural, en troques, está abandonado. Carece das infraestruturas, servizos ou atencións das metrópoles, cun estatus xeoeconómico desigual malia seren interdependentes entre si.

Baixo esta premisa, o Movemento Internacional A Vía Campesiña celebrará o vindeiro 17 de abril o Día Internacional da Loita Campesiña, denunciando que o campo representa unha solución en forma de soberanía alimentaria, na diminución das desigualdades sociais, no xusto reparto e traballo dos recursos naturais ou na loita contra o cambio climático. Así, este movemento, composto por millóns de campesiñxs, pequenxs e medianxs agricultorxs, mulleres rurais e indíxenas, entre outrxs, organiza unha xornada mundial de acción para demandar a implantación dos Dereitos Campesiños mediante unha Reforma Agraria e Xustiza Social globais. A loita social sempre será o único camiño que garanta calidade de vida para todxs.

1 https://undocs.org/es/A/RES/73/165
2 Sing C. Chew, Ecological Futures: What History Can Teach Us
3 https://www.un.org/es/sections/issues-depth/population/index.html
4 Thierry Paquot, Désastres Urbains: Les Villes Meurent Aussi
5 Serge Latouche, Vers une société d'abondance frugale. Contresens et controverses sur la décroissance

Máis Información:

Via Campesina (Castelán)

Interésache:

TTIP: O PARLAMENTO REXÉITAO, O CONSELLO IMPONO

2 Responses

  1. […] GLOBALIZACIÓN: A CIDADE AFOGA O CAMPO […]

  2. […] Extinction Rebellionhttps://www.savethetigris.org Interésache:REBELÉMONOS CONTRA A EXTINCIÓN GLOBALIZACIÓN: A CIDADE AFOGA O CAMPO TTIP: O PARLAMENTO REXÉITAO, O CONSELLO […]