O POBO CHILENO SEPULTA POR FIN A PINOCHET

with 2 Comentarios

O pobo de Chile elixiu este 25 de outubro acabar coa Constitución que rexía o país dende 1980 (aprobada mediante un plebiscito cuestionable1), co 78’27% dos votos afirmativos2. Así mesmo, o 78’99% da cidadanía votou a favor de que a nova Constitución sexa redactada por unha Convención Constitucional3, formada a partes iguais por membros elixidxs popularmente e parlamentarixs en exercicio. A participación foi do 51%4.

Con todo, isto apenas é o inicio dun traxecto que, estímase, finalizará en 2022. Así é a cronoloxía deste proceso constituínte:

  • 15 de novembro de 2019: Acordo pola Paz e a Nova Constitución.
  • 24 de decembro de 2019: Reforma constitucional que modifica a Constitución vixente para incorporar o itinerario e regras do proceso constituínte.
  • 29 de marzo de 2020: O presidente convoca, vía decreto, o plebiscito de entrada do 25 de outubro de 2020.
  • 25 de outubro de 2020: Plebiscito no que se decide se se aproba ou rexeita a idea dunha Nova Constitución, e cal sería o órgano que a redacte.
  • 11 de abril de 2021: Elección de convencionais constituíntes.
  • Maio ou xuño de 2021: Instalación da Convención Constituínte.
  • Até 9 ou 12 meses despois: A Convención aproba un novo texto constitucional
  • Aproximadamente 60 días despois (agosto de 2022 aproximadamente): Haberá un plebiscito para aprobar ou rexeitar a nova Constitución5.

Este plebiscito xurdiu á raíz das numerosas protestas populares do ano pasado no país, froito de décadas de abusos económicos e sociais por parte dos Poderes establecidos. As devanditas protestas foron posteriormente coñecidas como o Estalido Social e o feito que finalmente desembocou nelas foi a subida dos billetes de metro, o 04/10/2019. A represión levada a cabo polo Estado deixou, segundo o Instituto Nacional de Dereitos Humanos [de Chile], 3.203 vítimas6. Houbo torturas, feridxs con perdas oculares e abusos sexuais, entre moitas outras. E, aínda que non se confirmou oficialmente polas dificultades que isto implica, estímase que foron 32 as persoas falecidas durante as revoltas, moitas das cales seríano a mans do Estado7.

A constitución derrogada data da ditadura militar de Augusto Pinochet. Actualmente hai bastante consenso en canto á afirmación de que esta ditadura foi un ensaio para as políticas neoliberais que actualmente rexen os sistemas económico e político globais8.  EEUU apoiou tanto o golpe militar como estas profundas e nefastas reformas. Estímase, por outra banda, que o réxime asasinou e/ou “fixo desaparecer” a máis de 3.000 persoas, a maioría delas opositoras, intelectuais ou universitarias. Tamén foron encarceradas, e case sempre torturadas, 33.221 persoas por razóns políticas. A gran maioría das mulleres detidas sufriron, ademais de torturas, abusos sexuais9.

A ditadura de Pinochet abarcou dende 1973 até 1990. En 1988, froito do amplo descontento popular, tivo lugar un referendo para decidir a continuidade, ou non, de Pinochet ao mando do Estado. O “non” gañou, a pesar de que o plebiscito tivo lugar en plena ditadura, e en 1990 convocáronse eleccións parlamentarias, as cales significaron o fin da súa tiranía10. Con todo, do mesmo xeito que en moitos outros países, as doutrinas económicas e a non reparación das vítimas continúan até o día de hoxe. Por iso o pobo de Chile dixo “basta”, por iso estalaron. Por iso cuestionáronse Todo11. Son todo un exemplo para o mundo.

1 https://www.bcn.cl/historiapolitica/elecciones/detalle_eleccion?handle=10221.1/63186&periodo=1973-1990
2 https://www.gob.cl/procesoconstituyente/
3 https://www.gob.cl/procesoconstituyente/#plebiscito
4 https://www.servel.cl/wp-content/uploads/2020/10/Participacion_plebiscito_2020.pdf
5 https://www.gob.cl/procesoconstituyente/#plebiscito
6 https://www.indh.cl/indh-entrega-balance-a-un-ano-de-la-crisis-social/
7 https://www.eldesconcierto.cl/2019/12/27/los-muertos-que-el-estallido-olvido-los-dos-cuerpos-que-fueron-encontrados-en-tienda-saqueada-de-valparaiso-no-tenian-senales-de-quemaduras/
8 https://www.katari.org/pdf/shock.pdf
9 https://www.indh.cl/bb/wp-content/uploads/2017/01/informe.pdf
10 https://www.bcn.cl/historiapolitica/elecciones/detalle_eleccion?handle=10221.1/63196&periodo=1973-1990
11 https://estallidosocial.com/la-historia-de-un-estallido/

Máis Información:

https://www.gob.cl/procesoconstituyente/

Interésache:

O MAS VOLVE GAÑAR EN BOLIVIA

A VIVENDA: UNHA LUXOSA NECESIDADE

ESCOCIA: O DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN

O PROCESO DE PAZ COLOMBIANO ESTÁ COMPROMETIDO

2 Responses

  1. […] O POBO CHILENO SEPULTA POR FIN A PINOCHET […]

  2. […] O POBO CHILENO SEPULTA POR FIN A PINOCHET […]