Cando observamos o presente e constatamos como os beneficios do capital medran de forma acelerada mentres as condicións de vida da clase traballadora se estancan ou retroceden, entendemos a necesidade de recuperar a memoria colectiva e non caer na parálise que impón o individualismo. Os dereitos actuais (como a xornada de oito horas, a protección da maternidade ou a igualdade salarial) son resultado da organización e da mobilización social, non concesións espontáneas. Este artigo recupera cinco fitos históricos que demostran o poder transformador da loita organizada.
O primeiro gran fito sitúase o 1 de maio de 1886, na cidade de Chicago. Milleiros de traballadores e traballadoras participaron nunha folga masiva para esixir a redución da xornada laboral, que daquela se alongaba até as 14 ou 16 horas diarias. A mobilización resumíase nun lema que hoxe soa a sentido común, pero que entón resultaba revolucionario: “Oito horas para o traballo, oito para o soño e oito para a casa”. O 4 de maio, durante unha concentración na praza de Haymarket, un artefacto explosivo (cuxa autoría nunca foi esclarecida) detonou entre as forzas policiais, desencadeando unha represión brutal que se saldou con decenas de obreiros mortos e centos de feridos . O proceso xudicial posterior foi unha farsa: oito dirixentes sindicais foron condenados sen probas, catro deles á forca (Georg Engel, Adolf Fischer, Albert Parsons e August Spies) e un quinto, Louis Lingg, apareceu morto na súa cela en circunstancias sospeitosas. Poucas semanas despois a patronal accedeu a otorgar ao sector industrial a xornada laboral de 8 horas. O sacrificio destes homes, coñecidos como os Mártires de Chicago, non foi en van. En 1889, o Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional declarou o 1º de Maio como o Día Internacional do Traballo.
En 1917, as traballadoras brasileiras tiveron unha forte presencia na primeira folga xeral da historia do seu país. A onda de paralizacións comezou en dúas fábricas téxtiles do barrio paulista da Mooca e axiña se estendeu a cidades como Río de Xaneiro e Porto Alegre, mobilizando arredor de 70.000 persoas durante trinta días . Aínda que os homes ocupaban os postos de dirección dos sindicatos, as mulleres constituían a maioría da clase traballadora nas fábricas téxtiles e foron elas quen introduciron na axenda reivindicativa dúas demandas revolucionarias para a época: a licenza por maternidade e o principio de “traballo igual, salario igual” . Estas mobilizacións son un exemplo de a loita feminista non xurdiu exclusivamente das clases acomodadas, senón que ten fondas raíces nas fábricas, nos talleres e nas rúas. As súas reivindicacións non caeron en saco roto: unha década despois, a Comisión de Lexislación Social do Brasil incorporou á súa axenda propostas como a licenza por maternidade e a prohibición do traballo nocturno feminino, sentando un precedente fundamental en toda América Latina.
En 1919, a folga de La Canadiense, en Barcelona, desembocou na redución da xornada laboral a 8 horas, convertendo ao Estado Español no segundo país no mundo (despois de Rusia) que establecía esta xornada de maneira xeral.
En xaneiro de 1922, máis de 100.000 mariñeiros e traballadores portuarios de Hong Kong, entón colonia británica, iniciaron unha folga que paralizou completamente o porto durante 56 días . Reclamaban aumentos salariais e, sobre todo, o dereito a organizarse de maneira sindical fronte á explotación colonial. A folga rematou cunha vitoria histórica: os traballadores conseguiron melloras salariais e o recoñecemento do seu sindicato. Este fito espertou a conciencia política do pobo chinés e demostrou que a unidade obreira podía dobrar o pulso ao poderoso Imperio Británico, abrindo un ciclo de mobilizacións anticoloniais en toda a rexión asiática.
O 24 de outubro de 1975, o 90% das mulleres islandesas paralizaron fábricas, oficinas, escolas e fogares. Coñecida como o “Día Libre das Mulleres”, esta folga masiva fixo visible o traballo invisíbel (doméstico e de coidados) que sostiña a economía do país. O impacto foi inmediato e duradeiro. Ao ano seguinte, Islandia aprobou unha lei que prohibía a discriminación salarial por razón de xénero. Cinco anos despois, en 1980, o país elixía a primeira muller presidenta por voto democrático en toda Europa. Este fito demostrou que a mobilización feminina non só conquista dereitos específicos, senón que transforma as estruturas políticas e sociais dun país enteiro.
Estes cinco exemplos, desde Chicago até Reiquiavik, comparten un fío condutor innegábel: todos os dereitos que hoxe damos por sentados foron conquistados mediante a loita colectiva, nunca regalados polas elites. Non obstante, hoxe asistimos a un paradoxo perigoso. Mentres os beneficios do capital medran de forma exponencial e a riqueza se concentra en poucas mans, as condicións de vida da clase traballadora están estancadas ou mesmo retroceden. A precariedade, a fenda salarial, a inflación ou a crise da vivenda non son accidentes: son consecuencias dun sistema que precisa persoas traballadoras illadas, endebedadas e sen memoria. O individualismo que se promove cada día é un veleno para a clase traballadora. Serve para paralizarnos e facernos crer que a nosa situación é responsabilidade exclusivamente individual, e que organizarse non serve de nada. A historia desmente esa idea. Recuperar a memoria colectiva non é nostalxia; é unha ferramenta de defensa. Porque sen memoria non hai futuro digno, e sen organización non hai poder para transformar a realidade.
Fontes
-
Sin Embargo. A 135 años del 1 de mayo. https://www.sinembargo.mx/3970471/a-135-anos-del-1-de-mayo/
-
National Geographic. La revuelta de Haymarket y los derechos laborales. https://historia.nationalgeographic.com.es/a/revuelta-haymarket-y-derechos-laborales_15292
-
Público. Revuelta de Haymarket: los mártires de Chicago y el mayor complot judicial de Estados Unidos. https://www.publico.es/culturas/revuelta-haymarket-martires-chicago-historia-mayor-complot-judicial-estados-unidos.html
-
Wikipedia. Jornada de ocho horas. https://es.wikipedia.org/wiki/Jornada_de_ocho_horas
-
El Plural. La jornada laboral de 8 horas: la huelga contra las eléctricas hace 102 años. https://www.elplural.com/sociedad/jornada-laboral-8-horas-huelga-contra-electricas-hace-102-anos_276382102
-
Universidade Estadual de Campinas (Unicamp). Tese revela luta das brasileiras por direitos civis e trabalhistas. https://www2.unicamp.br/unicamp/ju/noticias/2017/05/09/tese-revela-luta-das-brasileiras-por-direitos-civis-e-trabalhistas/
-
Partido dos Trabalhadores. Mulheres foram a linha de frente da primeira greve geral da história do país. https://pt.org.br/mulheres-foram-a-linha-de-frente-da-primeira-greve-geral-da-historia-do-pais/
-
Editora FGV. Os direitos das mulheres: feminismo e trabalho no Brasil (1917-1937). https://editora.fgv.br/produto/os-direitos-das-mulheres-feminismo-e-trabalho-no-brasil-1917-1937-3311
-
Lausan Collective. Hong Kong political strikes: a brief history. https://lausancollective.com/2019/hong-kong-political-strikes-brief-history/
-
Malay Mail. The day women stopped. https://www.malaymail.com/news/what-you-think/2024/11/23/the-day-women-stopped-diana-abdul-wahab/157759