Watergate: espionaxe política e impunidade do poder
with Non hai comentarios

O 8 de agosto de 1974, hai hoxe 51 anos, o presidente dos Estados Unidos de América, Richard Nixon, anunciaba nun discurso televisado desde a Oficina Oval a úa renuncia ao cargo, adiantándose ao proceso de impeachment. Foi o primeiro presidente na historia dese país en dar ese paso, e o motivo foi o escándalo coñecido como Watergate, o famoso caso de espionaxe política que puxo enriba da mesa o funcionamento do que se supuña unha democracia e sacudiu os alicerces do sistema estadounidense.

Todo comezou na madrugada do 17 de xuño de 1972, cando cinco homes foron arrestados por arrombar a sede do Comité Nacional Demócrata no complexo Watergate de Washington. Estes individuos, vinculados ao comité de reelección de Nixon, intentaban instalar dispositivos de escoita e roubar documentos. A investigación xornalística, liderada por Bob Woodward e Carl Bernstein do Washington Post, destapou unha trama moito máis extensa que incluía un programa de espionaxe e sabotaxe contra opositores políticos, así como un posterior encubrimento orquestrado desde a Casa Branca.

A información crucial chegou por medio dun informante anónimo, alcumado Garganta Profunda, revelado despois como o subdirector do FBI. As súas filtracións permitiron conectar os puntos e demostrar a implicación directa de colaboradores próximos a Nixon e a existencia de fondos ilegais para financiar as operacións, así como a obstrución as investigacións xudiciais por parte do presidente. Nixon perdeu apoios políticos e, ante o proceso de destitución, decidiu adiantarse e dimitir. O presidente entrante despois del decidiu outorgarlle un perdón absoluto, polo que non foi xulgado nin condeado polos feitos, nun claro exemplo de impunidade política.

Este caso non é o único no que se empregaron informacións obtidas de xeito ilícito para influír en procesos políticos, nos que se pon de manifesto a impunidade estrutural das persoas que encarnan o poder: exemplos máis recentes poden verse no Hondurasgate, coa híbrida actual entre operacións de desinformación e inxerencia estadounidense sobre o que falamos recentemente; ou Cambridge Analytica, coa explotación sistemática de datos persoais para manipular a opinión pública, sen rendición de contas.

O Watergate é un exemplo paradigmático do cal aprender sobre a necesidade de garantir mecanismos de transparencia, tamén a exercer dende a cidadanía, como son as filtracións anónimas. Xunto con outros casos, amosa que a impunidade política é algo estrutural e funcional ao poder ante o que loitar e plantar cara é un deber democrático.