Este texto forma parte dos contidos que terá o primeiro libro de ECOAR))) e que sairá á venda a finais do presente ano 2026. Gañar o relato”! Manual para combater o discurso de ultradereita.
Quizais unha das preguntas que máis adoitamos facernos cando reflexionamos sobre os períodos sociais nos que medra a ultradereita é: “Como pode ser que a sociedade permita e incluso apoie un proceso no que a ultradereita gañe poder se vai ir na súa contra?”; ou o que é o mesmo: “Como pode ser que unha persoa tome unha decisión que a vai prexudicar claramente?”.
En primeiro deberíase falar do grupo que Gramsci denominou “xs indiferentes”. O autor sardo dicía que “a indiferenza actúa con forza na historia. Actúa pasivamente, pero actúa. É a fatalidade, aquilo co que non se pode contar […]; é a materia bruta que se rebela contra a intelixencia e a estrangula. O que acontece, o mal que cae sobre todos […] non se debe tanto á iniciativa dos poucos que traballan como á indiferenza, ao absentismo dos moitos.”. Pero por que se produce esta indiferenza? O concepto importante que pode axudar a comprender este fenómeno é o de indefensión aprendida. As persoas aprenden a comportarse de forma pasiva e sumisa, deixando de intentar escapar ou evitar situacións adversas, cando asumen que non teñen ningún control sobre a situación, polo que deixan de actuar mesmo cando existen oportunidades reais de cambiar o seu destino. Así pois nun contexto no que a ultradereita medra vai haber un grupo de persoas que entendan o proceso como inevitable e do que non teñen saída nin escapatoria polo que a súa resposta vai ser totalmente adaptativa. As persoas aceptan e interiorizan a submisión pasiva e normalizan a opresión, mesmo cando xorden oportunidades de cambio. Nesa situación a ultradereita non necesita vixiar en cada esquina pois a cidadanía xa ten a policía dentro da súa cabeza.
Relacionado con este grupo de persoas, pero nun rol diferente, atoparíanse aquelas persoas que, como afirmou Hannah Arendt, neste contexto se someten á autoridade. O experimento de Milgram demostrou que as persoas comúns son capaces de inflixir dano grave a outras simplemente por obediencia a unha figura de autoridade percibida como lexítima, mesmo cando as súas accións contradín os seus propios valores morais. Nun contexto de forza da ultradereita este fenómeno explica como a cidadanía colabora activa ou pasivamente en atrocidades (acoso, agresión, detencións, delacións, deportacións, execucións…) sen necesidade de que exista unha maldade intrínseca nos individuos. O mecanismo clave é a transferencia da responsabilidade moral: o suxeito obedece porque se percibe a si mesmo como unha mera “engrenaxe” que executa ordes, como un “medio”, mentres que a figura de autoridade (o líder, o partido, o Estado) asume a responsabilidade última polas consecuencias. Así pois a persoa executa o que sexa preciso porque a autoridade é a responsable do que ela faga.
O segundo grupo a abordar é aquel grupo de persoas que facilitan a instalación do discurso ou sistema da ultradereita, a través de procesos de irreflexión que non fan máis que facilitar e reforzar esa posición. A esta cuestión intentou responder Carlo M. Cipolla nun breve ensaio satírico titulado “Allegro ma non troppo” (1988) onde vai establecer a teoría da estupidez humana. Nesta Cipolla propón unha teoría formal sobre a estupidez como forza social con leis propias, case matemáticas, e onde establece unha matriz na que clasifica ás persoas segundo dúas variables: o beneficio que obteñen para si mesmas e o dano/beneficio que causan aos demais, polo que clasifica ás persoas en catro tipos:
-
Intelixente: benefíciase a si mesmx e beneficia a outrxs.
-
Malvada: benefíciase a si mesmx pero causa dano a outrxs.
-
Inxenua: perde ou cáusase dano a si mesmx pero beneficia a outrxs.
-
Estúpida: causa dano a outrxs e, ademais, sae perdendo, cáusase dano a si mesmx ou non obtén beneficio ningún.
Así pois para Cipolla a persoa estúpida é aquela que prexudica a outra sen obter proveito propio, e a miúdo incluso asumindo custos e propiciándose danos. As persoas estúpidas son un problema superior ás malvadas porque as persoas malvadas buscan o beneficio propio independentemente do dano que causan aos demais, pero a súa base de comportamento é racional (analizan, planifican…). Porén a base da estupidez non é falta de intelixencia, senón un comportamento total e absolutamente irracional, un comportamento, polo tanto, que viola a lóxica do interese propio e do dano ao outro. Segundo Cipolla as persoas intelixentes poden defenderse das malvadas posto que o seu comportamento é lóxico e, polo tanto, pode predicirse, pero a estupidez baséase na irracionalidade e, e consecuencia, é imposible predicila, polo que o mellor xeito de abordala é identificala a tempo e afastarse, porque intentar razoar con ela resulta inútil.
Esta idea xa fora tratada e establecida con anterioridade por Dietrich Bonhoeffer. O teólogo luterano alemán escribiu sobre a estupidez mentres estaba prisioneiro dos nazis, pouco antes de ser executado. Bonhoeffer tamén distingue entre maldade e estupidez. A persoa malvada actúa con intención consciente de facer dano; polo tanto, guíase polas pautas da lóxica e a racionalidade así que, como é predecible, pode ser combatida coa razón e a forza. A persoa estúpida, en cambio, é moito máis perigosa porque non é consciente da súa propia e extrema irracionalidade. A estupidez, segundo Bonhoeffer non é algo innato, senón un defecto ético e social: xorde cando a persoa renuncia a exercer o seu xuízo crítico e se somete acriticamente a autoridades, ideoloxías, consignas colectivas ou á masa mesma.
Seguindo esta mesma liña, Bonhoeffer advirte que, ante un sistema totalitario, a estupidez masiva convértese nunha arma de dominación máis eficaz que a propia violencia, porque fai que as vítimas colaboren co seu propio sometemento, convencidas de que actúan de xeito correcto.