En 2018, un escándalo relacionado coa filtración de datos persoais de usuarixs de Facebook á empresa Cambridge Analytica1 puxo en evidencia o perigo que supoñen as empresas dedicadas á minería de datos e o abuso das redes sociais como ferramentas de manipulación política. Tres anos despois, un estudo do Oxford Internet Institutedo2 13 de Xaneiro volve demostrar que o boiante negocio da desinformación e a manipulación chegou para quedar.
O informe revela que as empresas que se dedican profesionalmente a crear campañas de manipulación organizada nas redes sociais operan en 81 países, fronte aos 70 de 2019, e que nesas campañas interveñen todos os principais gobernos, as empresas de relacións públicas e numerosos partidos políticos. A desinformación, por tanto, converteuse nunha estratexia común, como parte da comunicación política.
Segundo o informe, o modo de operación consiste na creación de “tropas cibernéticas”3 que afogan outras voces nas redes sociais. Estas “tropas”, formadas entre outrxs por voluntarixs, grupos xuvenís e organizacións da sociedade civil que apoian estas ideoloxías, comezaron a supoñer un gran problema para empresas como Facebook e Twitter, que tomaron medidas, eliminando máis de 317.000 contas entre xaneiro de 2019 e novembro de 2020. Con todo, os 60 millóns de dólares gastados en empresas deste tipo, revelan que é un negocio demasiado lucrativo como para desaparecer facilmente. Unha das empresas sinaladas polo informe é a española Eliminalia4, especializada en borrar das redes todo tipo de informacións daniñas para xs seus/súas clientxs. A razón pola que aparece no informe é por outra liña de negocio, a de emitir propaganda en contextos electorais de Colombia, República Dominicana e Ecuador. Segundo unha investigación da FM Radio5 de Colombia, esta empresa traballa con todo tipo de campañas para manipular aos/ás potenciais electorxs, con mensaxes que “van calando a mentalidade dx votante”, e opera con outros nomes e a través de terceirxs para non deixar evidencia.
Todo isto supón unha grave ameaza para os procesos democráticos, e por tanto non podemos deixar o seu control en mans de empresas privadas como Facebook ou Twitter. Fronte á inacción, ou a complicidade, das políticas públicas ante este problema, debemos ser a cidadanía a que expoña e evidencie a mentira e a manipulación alá onde apareza.
1 https://www.bbc.com/mundo/noticias-43472797 2 https://www.oii.ox.ac.uk/news/releases/social-media-manipulation-by-political-actors-now-an-industrial-scale-problem-prevalent-in-over-80-countries-annual-oxford-report/ 3 https://comprop.oii.ox.ac.uk/wp-content/uploads/sites/127/2021/01/CyberTroop-Report20-FINALv.3.pdf 4 https://eliminalia.com/ 5 https://www.lafm.com.co/politica/como-interfieren-en-las-elecciones-traves-de-empresas-fachada
Máis Información:
Interésache:
VAGA DE FRÍO, MEDIDOR DE POBREZA
ATAQUE AO CAPITOLIO: GOLPE OU “PERFORMANCE”?
3 Responses
FONDOS COVID: APONTOANDO AO CAPITAL PRIVADO - EN ACCIÓN)))
[…] O NEGOCIO DA MANIPULACIÓN NAS REDES […]
FRONTEX: CORRUPCIÓN OPACIDADE E VIOLACIÓN DE DEREITOS HUMANOS - EN ACCIÓN)))
[…] O NEGOCIO DA MANIPULACIÓN NAS REDES […]
QUE É “NORMALIDADE DEMOCRÁTICA”? - EN ACCIÓN)))
[…] O NEGOCIO DA MANIPULACIÓN NAS REDES […]