O pasado 12 de Julio, a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) presentou un informe chamado “O estado da seguridade alimentaria e a nutrición no mundo 2021”1. Segundo este, ao longo do pasado ano —primeiro ano da pandemia— a fame disparouse superando o crecemento da poboación. O 9,9% das persoas sufriron desnutrición o ano pasado fronte ao 8,4% do 2019, incrementándose en 161 millóns a cifra de persoas que sufriron fame respecto ao ano anterior. A razón disto está clara: o aumento do prezo dos alimentos, unha tendencia que non cesou en 2021.
A que se debe este aumento dos prezos? Como era de esperar, o aumento está relacionado coa pandemia. Por unha banda, existe un aumento da demanda global de alimentos, con algúns países seguindo estratexias de acumulación de gran2. Por outra banda, xs provedorxs víronse afectadxs por interrupcións na produción, a man de obra e o transporte, con factores tan determinantes como o do aumento do prezo dos combustibles3 ou a escaseza de chips semicondutores de camións nalgunhas rexións. Por todo iso, as tarifas de frete marítimo, medidas polo Baltic Dry Index4, incrementáronse entre 2 e 3 veces nos últimos 12 meses.
A combinación dunha alta demanda cunha baixa produción conducen a un aumento da inflación a medida que as economías saen das restricións impostas pola pandemia. En España, segundo datos do INE5, os prezos dos alimentos frescos subiron un 2,6% respecto a marzo e os alimentos envasados un 0,7%. Os maiores incrementos sucederon en legumes e hortalizas frescas (taxa mensual do 10,4%), seguido do marisco fresco (3,5%), o peixe fresco (2,7%) e as patacas (2,6%). Como é de esperar, os efectos da pandemia na economía farán necesario conseguir grandes cantidades de alimentos a baixo custo para nutrir bancos de alimentos, dado o aumento do 50% destes servizos pola situación de pobreza e necesidade de boa parte da poboación6.
Que podemos esperar no futuro próximo? Segundo o Fondo Monetario Internacional, o prezo dos alimentos en 2021 podería aumentar aínda máis, un 25%, comparado con 20207. Nalgúns casos chegouse a acusar de movementos especulativos que manipulaban artificialmente os valores dos alimentos8. Sexa como sexa, estamos nunha época incerta, no preludio dunha das crises económicas máis profundas da historia da humanidade. Na nosa man está que a crise non se resolva como tantas outras, coas poboacións levándose a peor parte. Só a mobilización desde a base pode forzar unha repartición máis xusta que consiga unha seguridade alimentaria sostida no tempo.
1 http://www.fao.org/news/story/en/item/1415595/icode/ 2 https://www.eleconomista.es/economia/noticias/11283305/06/21/China-deja-de-acaparar-materias-primas-para-intentar-pinchar-la-burbuja-de-inflacion.html 3 https://elpais.com/economia/2021-07-22/el-aumento-del-precio-de-la-gasolina-merma-las-ventas-de-las-gasolineras.html 4 https://www.bloomberg.com/quote/BDIY:IND 5 https://www.ine.es/covid/covid_inicio.htm 6 https://www.eldiario.es/sociedad/pandemia-aumenta-demanda-ayuda-bancos-alimentos-50_1_7834744.html 7 https://www.mcezone.com/inflation-news-why-is-imf-worried-about-rising-food-prices-why-is-the-imf-worried-about-rising-food-prices/ 8 https://www.upa.es/upa/noticias-upa/movimientos-especulativos-hundir-precio-fruta/2020/3342/
Interésache:
One Response
A CRISE DOS CHIPS - EN ACCIÓN)))
[…] SUBIDA DOS PREZOS DOS ALIMENTOS: RECEITA PARA A FAME Manual para Campañas Non-Violentas ASINA : POR UNHA SAÍDA XUSTA DESTA CRISE Destacados, Difunde, Todos os Artigos […]