G20: BENEFICIO TRANSNACIONAL FRONTE AO POBO E O PLANETA

with Non hai comentarios
Cordón policial na cidade de Hamburgo

Este sábado 8 de xullo púxoselle punto final ao cumio do G20 que tivo lugar na cidade alemá de Hamburgo, un cumio marcado polo disenso do goberno estadounidense que mantivo posicións enfrontadas co resto de potencias que conforman o grupo, así como polas protestas nas que amosamos un rexeitamento ás directrices fixadas polo foro.

Nesta edición do G20 aconteceu algo que rompe coa dinámica habitual das pasadas edicións: un dos principais impulsores do foro rachou co xa acostumado consenso total entre as potencias. EEUU mantivo a posición sobre o Acordo de París que xa expresara o pasado xuño e non ratificará o acordo climático. O outro punto que mantivo a Trump afastado do resto dxs mandatarixs foi o tocante á liberalización do comercio. Así pois ámbolos puntos obrigaron a concretar detalles nas conclusións do cumio (algo nada habitual). Entre estas concrecións inclúense a posibilidade de acollerse a medidas “proteccionistas” no comercio en caso de competencia desleal por parte dos estados, abrindo así a posibilidade de acometer unha revisión das normas fixadas polo sistema da Organización Mundial do Comercio. Respecto do Acordo de París especifícase que só EEUU queda fóra da súa ratificación.

Manifestación durante a última xornada do G20

As quince páxinas da resolución final do foro inclúen tamén unha declaración de intencións respecto de temas como a migración, a necesidade de reforzar a educación dxs traballadorxs, a defensa dun sistema financeiro “moderno e xusto”, a loita contra a corrupción e o fraude fiscal, financiamento global do terrorismo,  a discriminación contra a muller, o combate contra a fame en países de África e outras cuestións de diversa índole. Pero o documento non recolle medidas concretas o que o converte en papel mollado, posto que os estados poden incluso botarse atrás no que si se concretou, caso de Turquía que paralizou a ratificación do Acordo de París ata que se lle garanta que vai estar libre das sancións que o acordo implica.

Por outra banda, antes e durante todo o cumio as distintas organizacións sociais e persoas que participamos no contracumio, deixámoslle claro aos e ás formantes do G20, a través das distintas accións e mobilizacións, que rexeitamos frontalmente a dirección que marcan as políticas neoliberais. A resposta das elites foi clara, nun cumio no que non deron voz á sociedade civil e onde tiveron que blindar a cidade de Hamburgo con máis de 20.000 axentes equipadxs con material antidisturbios e centros de detención que xa estaban habilitados dende meses antes ao inicio do cumio. Xs axentes enfrontáronse de xeito permanente ás persoas manifestantes deixando un saldo de máis de 1000 persoas feridas, 143 detencións e 122 arrestos provisionais. Como resposta a esta situación, a cidade contou hoxe cunha manifestación diante da prisión de Hamburgo para rexeitar a represión sufrida polxs manifestantes ao longo de todo o contracumio.

Pancarta en recordo de Carlo Giuliani.

Durante todo o que durou a segunda xornada de conversas do G20, diversas organizacións participamos nunha mobilización organizada en máis de 15 bloques temáticos (colectivos climáticos, migrantes, sindicatos…), na que xs máis de 100.000 manifestantes desbordamos a cidade hanseática. Os berros de consignas como “Dicímolo alto, dicímolo claro, xs refuxiadxs son benvidxs aquí!” ou “Non G20”, así como a referencia a outros contracumios anteriores (como o de Xénova en 2001 coa presenza constante de Carlo Giuliani en diversos espazos e pancartas) invadiron unha mobilización que percorría as rúas de Hamburgo baixo o lema “Solidariedade sen fronteiras en lugar de G20” na súa pancarta principal.

Pero se algo foi constante ao longo de todo o proceso durante estes días de loita foi, ademais do claro rexeitamento ás políticas levadas ao cabo polas principais potencias económicas do mundo, o fortalecemento dunha liña de traballo internacional onde se empezan a tecer novos lazos, innóvase no repertorio de resposta social e atópanse orixinais vías de construción social, económica, política e medioambiental alternativas ao modelo neoliberal imposto.

Interésache:

G20: O SUMIDOIRO DO CAPITALISMO GLOBAL

G20: HAMBURGO ÁS PORTAS DO INFERNO