“A sobreextracción, a drenaxe de zonas húmidas e pantanos, a deforestación, moitos proxectos de irrigación e terras mal drenadas, as filtracións de pesticidas e fertilizantes, a contaminación por verteduras da industria e dos fogares que non foron tratadas axeitadamente ou que non foron tratadas en absoluto, a construción xeneralizada de grandes encoros, a crecente explotación dos acuíferos subterráneos, a canalización das vías navegables, os plans de transferencia de auga entre as bacías e os estragos do cambio climático inducidos polos combustibles fósiles perturbaron os ciclos hidrolóxicos de varias maneiras e crearon condicións de grave escaseza local e rexional. Para os seres humanos e os non humanos, esta escaseza física foi agravada por políticas deseñadas para comerciar e/ou politizar a auga, negando o acceso ao ben común da auga.”1
Estas conclusións pertencen ao comunicado final do I Foro da Auga de Mesopotamia (Curdistán Iraquí, 06-08 de abril de 2019), un foro alternativo da sociedade civil en defensa da auga, aberto ás persoas marxinadas e excluídas da discusión sobre a xestión hídrica nesa rexión. Estas, porén, non son alleas á problemática da auga arredor do mundo. A poboación humana do mundo aumenta ano a ano e tamén o fai a presión sobre a auga (pegada hídrica), indispensable para a vida de todas as especies do planeta.
Emporiso, o acceso á auga só está garantido —de momento— no norte opulento. Namentres, os países empobrecidos padecen unha grande problemática no acceso a este ben imprescindible, malia ser un dereito humano básico recoñecido pola ONU2. Así mesmo, a cantidade de auga necesaria para a produción de alimentos (fundamentalmente a agricultura) e bens diversos acada cifras moi importantes que poden resultar insostibles de manterse o nivel de consumo actual. O cambio climático está agravando progresivamente o problema aínda máis, posto que aumentarán as secas e as inundacións, co que a calidade das augas empeorará3,4, afectando non só á nosa especie, senón a quen comparte o planeta con nós. Como consecuencia, cada vez máis voces apuntan a que a auga ocupará nun futuro non moi lonxano o lugar que hoxe ocupa o petróleo. Hoxe vivimos unha situación na que os conflitos por causa deste recurso fundamental increméntanse día a día, se ben nas vindeiras décadas ocupará un lugar central nos conflitos xeoestratéxicos do planeta5,6.
Exemplos coma o I Foro da Auga de Mesopotamia ou Extinction Rebellion son só un exemplo dunha sociedade global cada día máis activa e empoderada en cuestións do ámbito do medio ambiente. O desenvolvemento, cada vez maior, deste tipo de espazos que se constrúen a través dunha reflexión e coordinación activa entre as persoas poden motivar cambios nos costumes, perspectivas e ferramentas da xente que axuden a afrontar o problema, así como a desenvolver un marco de presión suficiente sobre os gobernos para que actúen xa en favor do ben máis prezado do planeta.
1 https://www.savethetigris.org/water-is-under-assault-in-mesopotamia-final-declaration-1st-mesopotamia-water-forum
2 https://www.un.org/es/sections/issues-depth/water/index.html
3 https://blogs.unicef.org/es/blog/5-realidades-sobre-el-cambio-climatico/
4 https://archive.ipcc.ch/pdf/assessment-report/ar5/syr/AR5_SYR_FINAL_SPM_es.pdf
5 https://www.iagua.es/blogs/maurizio-stefano/falta-agua-ya-ha-provocado-343-guerras-mundo
6 https://www.worldwater.org/water-conflict
Máis Información:
Extinction Rebellion
https://www.savethetigris.org
Interésache:
REBELÉMONOS CONTRA A EXTINCIÓN
GLOBALIZACIÓN: A CIDADE AFOGA O CAMPO
TTIP: O PARLAMENTO REXÉITAO, O CONSELLO IMPONO
One Response
TURISMO: UN MAL PARA O PLANETA - EN ACCIÓN)))
[…] AUGA, PETRÓLEO SEN CORREBELÉMONOS CONTRA A EXTINCIÓN GLOBALIZACIÓN: A CIDADE AFOGA O CAMPO […]