O dereito de autodeterminación establece que cada pobo ten dereito a elixir libremente a súa condición política e a prover o seu desenvolvemento económico, social e cultural. Este é un dereito do que gozan todos os pobos do mundo1. O dereito de autodeterminación forma parte da ius cogens do dereito internacional, pois considérase que é unha normativa que está por riba de calquera lexislación estatal e, polo tanto, ningún Estado pode negala nin incumprila.
Así pois, no caso escocés, a primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon, anunciou en setembro deste ano 2019 que levará ao cabo os pasos necesarios para realizar un novo referendo de independencia do Reino Unido antes das eleccións de maio de 20212. Porén, para poder realizar esta consulta de xeito vinculante precisa a aprobación de Londres, posto que a lexislación británica, neste momento, non contempla esa posibilidade.
O 18 de setembro de 2014 tivo lugar outro referendo de semellantes características e gañou a negativa á independencia cun 55’3% dos votos, fronte a un 44’7% que votou afirmativamente3. Porén, o Brexit pode cambiar a situación posto que, de producirse finalmente, implicaría a saída de Escocia da UE. No referendo sobre o mesmo, xs escocesxs votaron maioritariamente permanecer na Unión Europea4.
A unión política entre Escocia e Inglaterra data de 1707, cando os Parlamentos de ambos países acordaron, a través do Tratado da Unión de 1707, fusionarse nun só parlamento (Parlamento de Gran Bretaña)5. Porén, para levar ao cabo esta unión non se consultou aos pobos, e o escocés -a diferencia das clases acomodadas- amosábase radicalmente en contra. Como anotou Sir John Clerk of Penicuik, político escocés fervente pro-unionista e negociador do tratado: “este acordo é contrario ás inclinacións de polo menos tres cuartas partes do Reino [de Escocia]”.
Así, xa en 1713, o Tratado foi posto en cuestión e debatido na Cámara dos Lores, debido a numerosas queixas de parlamentarixs escocesxs. O debate perdeuse por só 4 votos6. Posteriormente, até o ano 1999 xs escocesxs non recuperarían parte da súa autonomía, coa creación do Parlamento Escocés, que tiña competencias na maioría das leis específicas de Escocia7.
Dende 2011 goberna neste país, con ampla maioría, o SNP (Partido Nacional Escocés)8. Un dos seus principais obxectivos é a independencia, e contan cun importante respaldo popular. Mais, polo momento, o goberno británico, nunha moi complexa situación debido ás duras negociacións do Brexit e á inestabilidade política que estas xeran, non negocia co escocés este novo referendo. Así que o pobo de Escocia deberá exercer presión se quere crebar, por fin, esta unión.
1 Ver “Artigo 1” do PIDESC: https://www.ohchr.org/SP/ProfessionalInterest/Pages/CESCR.aspx
2 https://news.gov.scot/news/protecting-scotlands-future
3 https://www.gov.uk/government/topical-events/scottish-independence-referendum/about
4 https://www.noticiasdegipuzkoa.eus/2019/09/19/mundo/cinco-anos-despues-el-brexit-acerca-a-escocia-a-otra-consulta
5 http://www.parliament.scot/global/games/education-timeline/timelinejs/index.html
6 http://www.parliament.scot/global/games/education-timeline/timelinejs/index.html
7 http://news.bbc.co.uk/2/hi/special_report/1999/06/99/scottish_parliament_opening/382490.stm
8 https://www.theguardian.com/politics/2011/may/06/scottish-elections-salmond-historic-victory-snp
Máis Información:
Interésache:
4 Responses
A UNIÓN EUROPEA EN GUERRA (COMERCIAL) - EN ACCIÓN)))
[…] ESCOCIA: O DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN […]
A VIVENDA: UNHA LUXOSA NECESIDADE - EN ACCIÓN)))
[…] ESCOCIA: O DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN […]
O MAS VOLVE GAÑAR EN BOLIVIA - EN ACCIÓN)))
[…] ESCOCIA: O DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN […]
O POBO CHILENO SEPULTA POR FIN A PINOCHET - EN ACCIÓN)))
[…] ESCOCIA: O DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN […]