“Toda persoa ten dereito a un nivel de vida axeitado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, […]”1. Así definían as Nacións Unidas, en 1948, o dereito de todo ser humano á vivenda, na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Porén, esta declaración non era vinculante. Si o foi, en troques, o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais2, asinado e ratificado posteriormente pola meirande parte dos países do mundo. No artigo 11.1 deste pacto, os países asinantes comprométense a tomar as medidas axeitadas para asegurar tal dereito. Por outro lado, algunhas Constitucións e leis de diversos países recollen este dereito3,4.
Sen embargo, a vivenda é un produto que non escapa á lóxica do mercado e que, por tanto, é de libre compravenda na meirande parte dos países do globo, xerando altas doses de especulación5. Nos períodos de crise este feito agrava a situación das clases empobrecidas6, que case nunca son axeitadamente protexidas polos Estados.
No actual contexto, a propiedade privada é priorizada en prexuízo das clases empobrecidas, que non poden acceder a unha vivenda digna, nin en propiedade nin en alugueiro7. Tampouco se contemplan moitas máis formas de obter un teito8. No caso concreto de España, o prezo dos alugueiros aumentou ao redor dun 50 % entre 2014 e 2019, e o acceso aos créditos hipotecarios é tamén cada vez máis complicado9. No marco da Unión Europea, segundo datos de 2018, un 9’6% da poboación precisaba, canto menos, un 40% dos seus ingresos para facer fronte ao pago da súa vivenda; cando se trata do alugueiro, esta porcentaxe aumentaba ata o 25’1%. Un 17’1% da poboación vivía en casas sobreocupadas e o 4’3% das persoas foron desafiuzadas10.
Por outro lado, dende 2010 ata 2020, as rendas das persoas na UE aumentaron un 14’2%, mentres que o prezo da vivenda o facía nun 25%11. A taxa de risco de pobreza en 2018 era do 16’8%, chegando até o 23’5% en Romanía ou o 21’5% en España12.
A tendencia post-Covid, con taxas de desemprego disparadas13 e co neoliberalismo con pouca intención de prestar axuda ás clases máis desfavorecidas14, suxire que o acceso á vivenda será cada vez máis complicado. As clases enriquecidas tentan preservar a especulación criminalizando a aquelas persoas que, como única saída, atopan a ocupación de vivendas baleiras. Pero se non se garante o dereito a un fogar a través do fomento de políticas públicas como, por exemplo, a limitación dos prezos do aluguer levada a cabo en Cataluña15; e namentres os especuladores non baixen a súa expectativa lucrativa para priorizar o dereito á vivenda, o ocupación non rematará.
1 https://www.un.org/es/universal-declaration-human-rights/ 2 https://www.ohchr.org/SP/ProfessionalInterest/Pages/CESCR.aspx 3 https://www.senado.gob.ar/bundles/senadoparlamentario/pdf/institucional/constitucion_nacional_argentina.pdf 4 https://www.finlex.fi/fi/laki/ajantasa/1999/19990731#L2P19 5 https://www.ohchr.org/EN/Issues/Housing/Pages/FinancializationHousing.aspx 6 https://www.ohchr.org/Documents/Issues/Housing/SR_housing_COVID-19_guidance_rent_and_mortgage_payers.pdf 7 https://ec.europa.eu/eurostat/documents/6939681/7243182/Booklet_2020_rents_2019_e.pdf/c77c6c5a-48e4-0ed3-424a-02bcc99a2e7e 8 https://www.publico.es/sociedad/fraguas-audiencia-guadalajara-confirma-condena-seis-repobladores-pueblo-abanadonado.html 9 https://www.bde.es/f/webbde/SES/Secciones/Publicaciones/PublicacionesSeriadas/DocumentosOcasionales/20/Fich/do2013.pdf 10 https://ec.europa.eu/eurostat/statistics-explained/index.php?title=File:Housing_cost_overburden_rate,_analysed_by_tenure_status,_2018_(%25)_SILC20.png 11 https://ec.europa.eu/eurostat/web/products-eurostat-news/-/DDN-20201007-2?inheritRedirect=true&redirect=%2Feurostat%2Fweb%2Fhousing-price-statistics%2Fpublications 12 https://ec.europa.eu/eurostat/statistics-explained/index.php?oldid=413297#Desigualdades_en_la_renta 13 https://ec.europa.eu/eurostat/cache/infographs/economy/desktop/index.html 14 https://www.eldiario.es/economia/alemania-dar-vuelta-tuerca-condicionalidad-macroeconomica-fondo-recuperacion-europeo_1_6273030.html 15 https://www.20minutos.es/noticia/4387902/0/entra-vigor-ley-precio-alquileres-cataluna-martes/
Interésache:
ESCOCIA: O DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN
4 Responses
O MAS VOLVE GAÑAR EN BOLIVIA - EN ACCIÓN)))
[…] A VIVENDA: UNHA LUXOSA NECESIDADE […]
O POBO CHILENO SEPULTA POR FIN A PINOCHET - EN ACCIÓN)))
[…] A VIVENDA: UNHA LUXOSA NECESIDADE […]
Que é a represión e como combatela? - EN ACCIÓN)))
[…] A VIVENDA: UNHA LUXOSA NECESIDADE […]
O FMI E A AUSTERIDADE EN TEMPO DE PANDEMIA - EN ACCIÓN)))
[…] A VIVENDA: UNHA LUXOSA NECESIDADE […]