VACINAR A COVID-19: UN LUXO DE PAÍSES RICOS?

with Non hai comentarios

India e Suráfrica propuxeron á Organización Mundial do Comercio (OMC) o 2 de Outubro a liberación de patentes de medicamentos e vacinas contra a covid-191. O obxectivo desta medida é o rápido acceso a produtos médicos alcanzables para combater a pandemia en todos os países do mundo, dado que esta require dunha solución global. A idea de universalizar a vacina conta co apoio de 99 dos 164 países da OMC2. Entre os países que bloquean esta medida atópanse algúns dos máis ricos do mundo: Australia, Brasil, Xapón, Reino Unido, Estados Unidos e a Unión Europea, con España entre eles. Ante este debate, a OMC decidiu pospor a súa decisión3.

As razóns esgrimidas para rexeitar a liberación de patentes son varias. Por unha banda, alégase que os Acordos sobre os Dereitos de Propiedade Intelectual co Comercio (ADPIC) xa inclúen métodos para flexibilizar o acceso a estes tratamentos, como declarou a Secretaría de Estado de Comercio ao diario Público4. Noutras ocasións, como nunha recente columna de opinión do diario New York Times5, explícase como “xs investigadorxs desenvolven vacinas en tempo récord porque teñen a seguridade e os recursos que conleva un sistema robusto de protección da súa propiedade intelectual”, e mesmo se engade como certas empresas, como AstraZeneca, van fabricar as súas vacinas sen ánimo de lucro.

Por tanto, a solución que se ofrece ao problema é depender da boa vontade de empresas farmacéuticas ou de países. Os prezos das vacinas oscilan, dependendo de cada empresa6, entre os 1,78 € de AstraZeneca até os 12 € por doses de Pfizer-BioNTech ou os 14,68 € de Moderna, prezos claramente inalcanzables para os países pobres. Segundo un estudo do Centro de Innovación Duke Global Health7, os países de ingresos altos e medios xa mercaron case 3.800 millóns de doses dun total de 6.800 millóns, é dicir, que a metade das vacinas existentes xa están vendidas. Países como EEUU compraron vacinas para o 230% da súa poboación, mentres que India ou Brasil só puideron conseguir para a metade dxs seus/súas habitantes8. Os gobernos europeos xa anunciaron que doarán unha parte a países en vías de desenvolvemento, pero novamente isto requiriría depender da boa vontade dos países.

O problema desta repartición selectiva da vacina vai máis aló da falta de democracia no tratamento da pandemia. Segundo un estudo da Universidade de Northeastern9, o acceso á vacina podería relacionarse coa mortalidade por coronavirus en todo o mundo, incluídos os países ricos. Se os 50 países máis ricos compran os primeiros 2.000 millóns de doses, as mortes por coronavirus reduciríanse un 33%; se se reparte en función do número de habitantes e non pola súa capacidade adquisitiva, esa porcentaxe subiría até o 61%.

Este mes a Organización Mundial do Comercio (OMC) debaterá a posibilidade de suspender as patentes das vacinas, dos tratamentos e dos tests da covid-19 mentres dure a pandemia. Debemos, por tanto, presionar dende a sociedade civil para evidenciar a hipocrisía dos países e obrigar a que se prioricen as vidas das persoas e non os intereses empresariais.

1 https://docs.wto.org/dol2fe/Pages/SS/directdoc.aspx?filename=q:/IP/C/W669.pdf&Open=True
2 https://www.google.com/maps/d/viewer?mid=1e7xeGH0ANcEe8qGo5VGOp1DwuV8BaXmO
3 https://www.reuters.com/article/us-health-coronavirus-wto/wto-delays-decision-on-waiver-on-covid-19-drug-vaccine-rights-idUSKBN28K2WL
4 https://www.publico.es/sociedad/vacuna-covid-espana-rechaza-supresion-patentes-permitiria-paises-pobres-acceder-vacunas-covid.html
5 https://www.nytimes.com/2020/12/10/opinion/coronavirus-vaccine-patents.html
6 https://www.lemonde.fr/international/article/2020/12/21/la-revelation-du-prix-des-vaccins-embarrasse-l-industrie-et-la-commission-de-bruxelles_6064092_3210.html
7 https://dukeghic.org/wp-content/uploads/sites/20/2020/11/COVID19-Vax-Press-Release__28Oct2020-1.pdf
8 https://launchandscalefaster.org/covid-19#Interactive%20tables%20and%20charts%20-%20COVID-19%20Vaccine%20Advance%20Market%20Commitments
9 https://news.northeastern.edu/2020/09/14/if-rich-countries-monopolize-covid-19-vaccines-it-could-cause-twice-as-many-deaths-as-distributing-them-equally/

Interésache:

ECUADOR, NOVAMENTE BAIXO O XUGO DO FMI

NON-VIOLENCIA ACTIVA: UN PULSO AO NEOLIBERALISMO

MÉXICO XULGA AOS SEUS EXPRESIDENTES

ERDOĞAN E O DELIRIO NEO-OTOMANISTA